A CIG amplía e consolida a súa maioría en Indipunt ao facerse con oito dos/as nove representantes do comité
A CIG vén de ampliar a maioría absoluta que xa tiña no comité de empresa de Indipunt SL (Narón) ao lograr oito dos/as nove delegados e delegadas que se elixían nas eleccións sindicais celebradas este martes, 15 de febreiro. A central nacionalista sacou os 3 postos de representación no Colexio de Técnicos/as -onde a candidatura da CIG foi a única presentada-, obtendo 29 votos. No Colexio de Especialistas a lista da CIG tivo 83 votos e 5 delegados/as, mentres que a candidatura de CCOO sacou 9 votos e 1 delegado/a, conseguido polos restos de xeito moi axustado.
Deste xeito, a CIG amplía aínda máis a maioría absoluta acadada no anterior proceso de eleccións de 2017, cando lograra 6 delegados/as dun comité de 9 persoas. Daquela, o comité quedara conformado por 6 membros da CIG, 2 de CCOO e 1 de UGT.
A FGAMT-CIG de Ferrol cualifica de "espectacular" o resultado, que avala o traballo sindical realizado polos delegados e delegadas nestes anos e que "está a ter como unha das consecuencias os resultados electorais que vimos de coñecer". Por iso, animan o persoal "a continuar afiliándose á CIG de xeito masivo como o vén facendo nestes anos".
A sección sindical da CIG en Indipunt agradece ao conxunto dos traballadores e das traballadoras a confianza renovada na súa candidatura e ratifican o compromiso da central na defensa dos intereses do persoal pertencente ao grupo Inditex que presta servizos no centro de traballo de Narón.