Traballos de ampliación da ponte de Rande: xornadas excesivas a sete euros a hora e a 60 metros de altura

A CIG-Construción denuncia explotación laboral na obra pública encargada a Dragados e Puentes
Vigo - 24 Mai 2017

A federación de Construción da CIG denuncia a explotación laboral que se vive nas obras de ampliación da ponte de Rande, que une as localidades pontevedresas de Moaña e Redondela. Dende a central advirten do perigo de que os traballadores/as da UTE formada por Dragados e Grupo Puentes fagan xornadas de até 10 e12 horas diarias a 60 metros de altura.

Os secretarios nacional e comarcal de Vigo da CIG-Construción, Xoán Xosé Melón e Carlos Méndez, compareceron este xoves en rolda de prensa xunto ao deputado do BNG Luís Bará para denunciar que os traballos de ampliación desta infraestrutura estanse a levar a cabo “conculcando os dereitos máis básicos da clase traballadora”, xa que aos baixos salarios que perciben os operarios/as súmanse xornadas laborais de até 10 e 12 horas diarias. Segundo criticaron, esta situación supón ademais unha enorme fraude á Seguridade Social e a Facenda.

Neste senso, detallaron que os soldos compútanse por horas a pesar de non estar permitido, e por debaixo das táboas salariais do convenio: a sete euros a hora, cando o mínimo legal é de 9,5. Sosteñen que a Administración pública coñece es esta situación, “mais non toma medidas ao respecto”. Así, lamentan o desamparo que vive o persoal que está a realizar as obras dunha concesión pública e sinalan que debera ser un exemplo de cumprimento da legalidade, “pero é todo o contrario”.

Ao mesmo tempo, censuraron que ás compañías non lles importe ter aos empregados/as traballando tantas horas a 60 metros de altura “co risco que iso conleva para a súa seguridade”. Ao que hai que sumar que o Ministerio de Fomento esta a urxir para que as obras rematen canto antes. “Se teñen présa, en lugar de someter os operarios/as a xornadas tan excesivas o que teñen que facer é contratar máis persoal”.

Comisión de control

Lembraron que nestas obras creouse una comisión de control das condicións laborais e dos horarios, unha figura que deu certos resultados na construción do hospital de Vigo, pero no caso da ponte de Rande “axiño se viu que non había boa fe por parte da empresa, que non ten interese en arranxar os problemas”.

E iso a pesar de que, tal e como sinalaron, as condicións de traballo dos arredor de 300 traballadores/as da UTE están cada vez máis deterioradas e precarizadas. Finalmente reclamaron a actuación da Inspección de Traballo, xa que aínda que a lei actual permite que os excesos de xornada se compensen con días libres nun prazo de catro meses, “o certo é que non se comproba, e en todo caso a compensación chegaría cos contratos xa finalizados”.

Pola súa banda, o parlamentario nacionalista asegurou que o BNG dará a batalla contra esta indefensión dos traballadores/as provocada polas últimas reformas laborais e adiantou que lle reclamará á Xunta que tome medidas para rematar con esta situación.