A CIG-Construción esixe o cumprimento da normativa de seguridade nas obras públicas de Vigo

Reclaman a paralización dos traballos no caso de que non se garanta a integridade do persoal
Vigo - 17 Mar 2020

A federación de Construción da CIG de Vigo puxo en coñecemento da Inspección de Traballo o que está a acontecer nalgunhas obras públicas que se acometen na cidade, nas que non se cumpren as normas de protección establecidas contra o novo coronavirus.

Tal e o caso dos traballos de construción da Cidade da Xustiza, dependentes da Xunta de Galiza, nos terreos do antigo hospital Xeral, onde os traballadores/as carecen de equipos de protección individual e mesmo comen a pé de obra sen gardar a distancia mínima de seguridade.

Tamén sucede algo similar nas obras de Vialia, na nova estación de tren, polo que reclaman que se extremen as medidas de seguridade para evitar contaxios entre os operarios/as. Do contrario, demandan das Administracións públicas responsábeis (Estado, Xunta e Concello) que paralicen os traballos ata que non se garanta a integridade de todas as persoas presentes nas obras.

Ao mesmo tempo, dende a CIG-Construción de Vigo amosan a súa sorpresa polo feito de que os traballadores/as transfronteirizos/as que se desprazan dende Portugal para traballar tanto nestas obras como na humanización da Gran Vía o fagan en furgonetas compartidas por até nove persoas sen ningún tipo de protección. “Non sabemos que tipo de controis se están a facer na fronteira, pero o que está claro é que non se está a velar pola seguridade das persoas traballadoras en absoluto”, rematan.