A CIG esixe “transparencia e rigor” no concurso de acredores da compañía pontevedresa Mongasa
A federación de Construción da CIG de Pontevedra vén de reclamar “transparencia e rigor” no concurso de acredores de Mongasa, empresa especializada na elaboración e na montaxe de estruturas de aceiro que se atopa en proceso de liquidación tras presentar tres ERE consecutivos. Dende a central denuncian que o propietario da firma ocultou a entrada no concurso e non facilita información económica, o que podería constituír unha fraude de lei.
O secretario comarcal da CIG-Construción de Pontevedra, Xaquín Agulla, compareceu recentemente en rolda de prensa xunto a varios traballadores de Mongasa para reclamarlles ao administrador concursal e ao propietario da empresa que actúen con “transparencia e rigor” no proceso de liquidación. Do primeiro censurou que estea a proceder de xeito “sumarísimo, sen transparencia nin garantías para os empregados/as”, mentres que acusa ao segundo de non comunicarlle á comisión de seguimento ERE a entrada no concurso nin facilitar a información económica da compañía, algo que ao seu xuízo podería constituír unha fraude de lei.
“Queremos coñecer a situación real da empresa e os motivos que a levaron á situación actual, xa que presentaron o ERE extintivo incluso antes de facilitar o informe económico”, indica. Ao mesmo tempo, criticou que pretenderan que os traballadores/as asinasen a rescisión dos seus contratos coa indemnización mínima de 20 días, “cando moitos deles/as teñen 30 anos de antigüidade na empresa e xa esgotaron o paro”.
Concurso culpábel
Agulla lembra que Mongasa chegou a ter un cadro de persoal integrado por mais de 40 persoas, pero dende 2016 presentou tres ERE consecutivos, o último deles de extinción para os 20 empregados/as que lle quedan. “Curiosamente o primeiro dos ERE presentouse dous meses despois de que o candidato da UGT gañase as eleccións sindicais por un só voto, cando a representación sindical na empresa sempre foi da CIG”, sinala Agulla.
Posteriormente este delegado de persoal abandonou a compañía, tras o que a CIG promoveu novas eleccións e logrou a representación, “mais atopámonos con que xa era tarde para intentar reconducir a situación, porque cando había que presionar os responsábeis da empresa non se fixo”. Por iso entende que agora o único que se pode facer é reclamarlle ao administrador concursal que actúe de xeito dilixente e que se detecta irregularidades no proceso “proceda a cualificalo como culpábel”.