A CIG-Construción insta as administracións a velar polo cumprimento da normativa laboral nas obras públicas

Onte presentouse a rehabilitación do Castelo de Monterrei, que a central paralizara en xuño para denunciar condicións de precariedade do persoal
Verín - 05 Nov 2026

A Federación da Construción e Madeira da CIG (FCM-CIG) aproveitou que onte tivo lugar o acto de presentación por parte da Xunta de Galiza do Plan de Desenvolvemento Turístico e Cultural do Castelo de Monterrei, en Verín, para instar as administracións a velar polo cumprimento da normativa laboral nas obras públicas. Dende a central sindical lembran as denuncias realizadas no seu momento polas condicións laborais de expplotación das persoas traballadoras que participaron nas obras de rehabilitación deste espazo patrimonial, que chegaron a ser paralizadas no mes de xuño no marco da campaña que a FCM está a desenvolver contra a explotación de persoas migrantes no sector.

A CIG advertira da situación derivada da presenza de subcontratas portuguesas e de persoas traballadoras estranxeiras contratadas en Portugal e desprazadas a Galiza para levar a cabo a rehabilitación do castelo, o que levou a central sindical a desenvolver un acto de protesta que provocou a paralización dos traballos. Durante a acción púxose tamén de manifesto a necesidade de garantir os dereitos laborais e de exercer un maior control sobre as cadeas de subcontratación. 

Non abonda con promover e presentar proxectos de recuperación patrimonial e desenvolvemento turístico se non se garante o respecto polos dereitos das persoas traballadoras

Desde a FCM consideran que estas prácticas son consecuencia da permisividade das administracións públicas, tanto da Xunta de Galiza como do Goberno do Estado, que non exercen o control e a vixilancia que lles corresponden. “Non abonda con promover e presentar proxectos de recuperación patrimonial e desenvolvemento turístico se non se garante que, detrás deles, se respecten os dereitos das persoas traballadoras”, sinala o secretario nacional da CIG-Construción, Plácido Valencia.

Agora que as obras están rematadas, o responsábel sindical lembra que detrás destas actuacións hai persoas traballadoras cuxos dereitos deben ser respectados e garantidos. “Por iso reclamamos novamente que as administracións asuman as súas responsabilidades e velen polo cumprimento da normativa laboral, evitando situacións de precariedade e posíbeis abusos”.

Ademais, incide en que esta realidade evidencia tamén a necesidade de avanzar na consecución dun convenio ou marco galego propio para o sector da construción, que permita mellorar as condicións salariais e laborais, combater a competencia desleal e garantir unhas condicións dignas para todas as persoas traballadoras do sector.

Finalmente, desde a FCM-CIG fan un chamamento a todas as persoas traballadoras da construción para que secunden a folga xeral convocada o vindeiro 11 de novembro “como resposta á precariedade que sofre o sector, aos baixos salarios, á elevada sinistralidade laboral e á falta de garantías e control nas condicións de traballo”.