A CIG-Construción logra os cinco representantes do comité de Plaintec en Tui tras promover UGT as eleccións sindicais

A empresa, unha das máis importantes do sector e que carecía de representación, fai parte da mesa de negociación do convenio provincial
Tui - 02 Dec 2022

A federación de Construción da CIG de Vigo fíxose co 5 representantes que se escollían no comité de empresa de Plaintec Obras y Servizos, compañía con sede no parque empresarial de Tui. Dáse a circunstancia de que foi a UGT quen preavisou as eleccións na compañía, que carecía de representación sindical e que fai parte da mesa de negociación do convenio colectivo provincial.

Dos 61 traballadores/as con dereito a voto no proceso celebrado pasado luns día 28, un total de 40 optaron pola candidatura da CIG, que sumou 25 votos no colexio de especialistas (3 delegados/as) e 15 no de persoal técnico e administrativo (2 delegados/as). 

A CIG obtivo 40 votos, CCOO 4 e UGT unicamente 3

De feito, a central sindical foi a única organización que conseguiu presentar candidatura no colexio de especialistas, mentres que ao de persoal técnico e administrativo concorreron tamén a UGT -promotora das eleccións sindicais- e CCOO. Esta última central obtivo 4 votos, mentres que a UGT sumou unicamente 3.

Dende a CIG-Construción de Vigo trasladan publicamente a súa satisfacción polo resultado e agradecen o apoio masivo do cadro de persoal, ao tempo que expresan a súa intención de loitar na defensa dos dereitos laborais e sociais do conxunto dos traballadores/as de Plaintec.