A CIG solicítalle á Fiscalía que que investigue o colapso de Nexia Infraestruturas

A Inspección de Traballo vén de instar a Seguridade Social a dar de baixa aos 62 traballadores/as

Pontevedra -

O secretario comarcal da CIG-Construción de Pontevedra, Xaquín Agulla, reclamoulle hoxe publicamente á Fiscalía a que depure responsabilidades no que está a acontecer coa empresa Nexia Infraestructuras despois de que a Inspección de Traballo instase a Seguridade Social a dar de baixa a totalidade do cadro de persoal, integrado por 62 persoas.

Agulla explicou en rolda de prensa que a CIG leva máis dun mes facendo xestións diante da autoridade laboral, “que tardou 15 días en localizar a un interlocutor válido na empresa”, para demostrar que a compañía colapsara e carecía de actividade. “Había claros indicios como que as obras públicas que executaba estaban a ser rescatadas por parte das distintas administracións adxudicatarias e os provedores deixaran de servirlles material”. Ademais, a compañía de renting coa que tiña contratado o servizo de transporte do persoal deixara de operar con ela.  

Vai ser o Estado o que teña que asumir o custo dos despidos despois de que o empresario marchase cos cartos para Panamá

O responsábel sindical denunciou que en todo este proceso chama moito a atención que o propietario da empresa, “que supostamente se atopa en Panamá”, lles comunicase aos traballadores/as por vía telefónica -nese momento era 67, pero producíronse algunhas baixas voluntarias- que un grupo inversor moi solvente ía adquirir a compañía. “Mais a venda da empresa, que en principio ía ter lugar o 17 de xaneiro, non se produce finalmente até o 5 de febreiro e faise a unha sociedade instrumental vinculada a Nexia”.

ERE sen solicitar

Ao mesmo tempo, a semana pasada Nexia pretende que a representación da CIG asine un acordo de ERE para rescindir a maior parte dos contratos, pero sen ter presentado a solicitude diante da autoridade laboral. “No caso de que non aceptemos ameazan con facerse os tolos e non facilitar os certificados de empresa para poder acceder ás prestacións por desemprego”.

Por todo isto, entende que a Fiscalía ten que actuar para depurar responsabilidades, “xa que vai ser o Estado o que asuma o custo dos despidos despois de que o empresario marchase cos cartos para Panamá”. Lembrou tamén que o acontecido con Nexia xa ten un procedente similar en Sercoysa, empresa do sector fundada polos mesmo socios.

Volver