A CIG continúa en Celsa Atlantic as mobilizacións en defensa do emprego e por unha tarifa estábel para as electrointensivas

Apela á unidade sindical para convocar unha gran protesta na Coruña o 8 ou 9 de xuño

A Laracha -

Dentro do calendario de mobilizacións que a CIG está a desenvolver para esixir solucións inmediatas e definitivas á crise da industria electrointensiva, a central realizou esta tarde unha concentración diante da fábrica de Celsa Atlantic na Laracha. Deste xeito, a CIG dá continuidade ás mobilizacións que dende o pasado mes de febreiro vén desenvolvendo para esixir medidas que garantan a continuidade dos postos de traballo e da actividade produtiva neste sector e, nomeadamente, pola creación dunha tarifa eléctrica máis xusta, predicíbel e competitiva.

As medidas adoptadas polos gobernos até o momento téñense amosado insuficientes e tardías para atallar a situación agónica que atravesan moitas industrias electrointensivas, da que dependen miles de postos de traballo no noso país.

De feito, o Goberno español mantén aparcado o estatuto do consumidor electrointensivo que se comprometera a aprobar antes das eleccións xerais do pasado 28 de abril, malia resultar fundamental para facilitar unha alternativa ao plan de peche que Alcoa ten para as plantas da Coruña e Avilés. Este estatuto debería recoñecer as especificidades da industria con grandes consumos e dotalas dun marco estábel e competitivo no relativo aos custes enerxéticos, favorecendo que as empresas realicen os investimentos necesarios nas factorías.

Por iso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, advertía durante a protesta que, aínda que nestes momentos a factoría da Laracha non rexistra os problemas doutras fábricas, “seguirá estando baixo a espada de damocles mentres non exista unha regulación xusta”.

Carril reiterou que sería un despropósito que en Galiza, sendo excedentaria na produción de enerxía eléctrica e soportando os custes sociais e ambientais desta actividade "vexamos ameazado o futuro da industria e de miles de empregos por culpa do alto prezo da enerxía, mentres o espolio dos nosos recursos favorece o desenvolvemento económico e industrial doutros territorios do Estado".

"Sería o colmo que Alcoa da Coruña pechara, que Alcoa de San Cibrao estivera en risco, que Ferroatlántica de Cee ou Sabón tiveran un desenlace similar, precisamente por non existir políticas que garantan que poidamos aproveitarnos dos nosos recursos naturais", subliñou.

Concentración 6 de xuño en Alcoa A Coruña

Por esta razón, aseverou, "seguiremos mobilizándonos mentres non haxa solucións" e xa adiantou que a CIG continuará o calendario de mobilizacións o vindeiro 6 xuño, cunha concentración diante da fábrica de Alcoa na Coruña. Non obstante, o secretario xeral volveu facer un chamado á unidade sindical e, na liña da manifestación convocada polos comités de empresa o pasado luns en Compostela, camiñar a unha gran mobilización cidadá na Coruña para o sábado 8 ou o domingo 9 de xuño.

“Nós, como sindicato, estamos en disposición de retirar a protesta do día 6 en Alcoa se hai consenso para que se transforme nunha gran manifestación de todas as fábricas na cidade da Coruña. Unha mobilización coa que 'recibir' ao novo goberno español e esixirlle esa solución que levamos meses reclamando e que pasa por un garantir un futuro industrial para Alcoa da Coruña sobre a base dun estatuto xusto e un marco enerxético estábel e competitivo”, afirmou.

Hai que lembrar que CIG lanzou en reiteradas ocasións un chamamento ás organizacións sindicais e aos comités das distintas fábricas para, diante da crise xenérica das electrointensivas, acordar un calendario de mobilizacións conxunto, e mesmo propuxo a convocatoria de xornadas de folga sectorial.

Volver