A CIG convoca 31 mobilizacións en cidades e vilas de toda Galiza na xornada de folga do 8M

A Secretaría das Mulleres rexeita o intento de criminalizar as mobilizacións do feminismo

Nacional -

» Accede aquí ao especial 8M

A CIG ten convocadas 31 mobilizacións en cidades e vilas de toda Galiza para facilitar a participación de todas durante a xornada de folga de mulleres do 8 de Marzo. Co fin de garantir o cumprimento de todos os requisitos derivados da pandemia, nas asembleas acordouse promover actos a nivel local, evitando desprazamentos, organizar as manifestacións en columnas de mulleres, garantindo a distancia interpersoal de máis de metro e medio, e uso de máscara de protección. A secretaría das Mulleres fai tamén un chamamento a participar nas manifestacións convocadas pola plataforma GALEGAS8M da que a central sindical fai parte.

Fronte a campaña de “desprestixio e boicot” que se está poñendo en marcha, a secretaria das Mulleres, Margarida Corral, denuncia que “ao poder non lle interesa a resposta na rúa” e que, coa escusa da pandemia, “está facendo un chamado a non mobilizarse cando, porén, permitiu manifestacións da ultradereita, saltándose límites perimetrais, e acudindo  mesmo sen protección”.

Por iso fai un chamamento a reflexionar colectivamente sobre as razóns polas que se pretende criminalizar a mobilización do feminismo cando se permiten as convocadas por outros colectivos, “a non ser que se pretenda culpabilizar de novo a quen está a soster a crise facéndolles crer que si se mobilizan serán as culpábeis dunha nova onda”.

Lembra que “todas as marchas e mobilizacións foron comunicadas previamente, sen que houbese ningunha restrición por parte das autoridades” e que están a ser organizadas de xeito pormenorizado “para asegurarnos de que se poidan realizar en condicións seguras para todas”.

A isto engade que “se o que quere o sistema é unha manifestación simbólica, virtual, e que a xornada se reduza a actos institucionais, nós non imos colaborar con ese paripé hipócrita.

Corral subliña que “os nosos dereitos non poden ficar confinados e urxe, agora, máis que nunca, saír á rúa para exixir medidas reais contra a precarización das condicións de vida das mulleres e visibilizar e frear o detrimento das nosas condicións laborais, de saúde, económicas e sociais derivadas desta crise”.

Lembra que por isto “novamente convocamos folga de mulleres de 24 horas” e reitera o chamamento a participar activamente nas mobilizacións que se realizarán en todo o país, cumprindo estritamente con todas as medidas de seguridade.

Sobran razóns para a mobilización

A secretaría das Mulleres da CIG denuncia, entre outras cuestións, a sobreexplotación; a precariedade das mozas que intentan acceder ao emprego; a das que suman moreas de contratos a tempo parcial e de curta duración; a explotación das traballadoras do comercio, dos sectores sociosanitarios; os abusos ás traballadoras dos centros de chamadas, ás traballadoras do fogar; a situación das que tiveron que renunciar a salarios por ter que coidar da súa familia ou os despedimentos realizados de xeito oportunista por unha patronal que veu na pandemia a oportunidade para liquidar os seus contratos.

Isto xunto a denuncia de que as mulleres son as máis prexudicadas pola fenda dixital ou pola analfabetización electrónica que tanto dificultou o seu acceso a axudas e prestacións; as pensións miserentas ou os riscos asumidos por falta de equipos de protección mesmo nos servizos esenciais durante a pandemia. Unha crise sanitaria que pagaron as mulleres co seu lombo e co seu traballo de balde, limpando, curando, coidando.

Volver