• Nova

A CIG convoca asembleas de delegados/as e mobilizacións, o 1 de febreiro, contra a reforma das pensións

Non descarta intensificalas de se confirmar a ampliación do período de cálculo aos 30 anos
Nacional - 23 Xan 2023

A CIG ten convocadas asembleas de delegadas/os e mobilizacións en todas as comarcas, para o vindeiro día 1 de febreiro, contra a reforma das pensións que proxecta o goberno. A convocatoria insírese na campaña lanzada no mes de decembro pola central sindical sob o lema“Dez mentiras sobre as pensións”. O secretario xeral, Paulo Carril, advirte que “non descartamos adoptar todas as medidas necesarias e intensificar a mobilización para evitar que esta ameaza sexa unha realidade”.

Parello a isto, iníciase tamén a recollida, nas empresas, de manifestos contra calquera reforma no sistema público de pensións que impoña aumentar os anos para o cálculo da pensión. Nese sentido Carril denuncia que “as pensións públicas levan anos sendo obxecto de duros ataques. Neste momento temos enriba da mesa unha ameaza de reforma que pretende ampliar a 30 anos o período de cálculo. Isto suporía un novo recorte das pensións de entre un 6 e un 8%”.

O secretario xeral da CIG alerta de que “aprobar esta reforma significaría aumentar a caída progresiva das pensións, que xa suma un 25% desde a última que se impuxo en 2012, cando se ampliou a idade da xubilación de 65 a 67 anos e o aumento do período de cálculo dos 15 aos 25 anos”.

A CIG denuncia que estas reformas, xunto as anteriores, que retrasan a idade de xubilación e manteñen a xubilación parcial nunhas condicións discriminatorias e de difícil acceso “son un atranco para a xeración de emprego”. Nese sentido considera que aprobar máis reformas que endurecen as condicións para a xubilación “obrigan a prolongar a vida laboral e contribúen a unha maior emigración e máis paro xuvenil”.

Lembra que a reforma de xullo de 2021, tamén aprobada por acordo do diálogo social, desliga a suba das pensións do IPC real interanual acumulado, creando un novo indicador, o chamado IPC medio, que non garante o poder adquisitivo dos salarios. “Todas estas reformas condenan a prolongar a vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico”, denuncia e alerta de que a recente aprobación dos chamados Plans de emprego de Pensións “constitúe un perigo para o sistema público e solidario das pensións”.

A CIG subliña que a pensión media en Galiza é de 886,68€ mensuais, 78,32€ por debaixo do SMI; que a poboación con máis de 65 anos acada de media 29,6 anos cotizados e que a pensión media dunha galega é 375,6€ menor que a pensión media dun galego, polo que as consecuencias desta reforma para as mulleres serán aínda peores.