A CIG convoca concentración este sábado contra o peche do centro de sanidade marítima de Corcubión

A protesta desenvolverase ás 12 horas diante da oficina local do ISM

Corcubión -

A CIG ten convocada unha concentración para este sábado, 24 de outubro, ás 12:00 horas, diante do centro de sanidade marítima e Corcubión, en rexeitamento ao posíbel peche desta oficina tendo en conta que o ISM leva sen cubrir a vacante do médico titular dende o verán. Esta protesta, que se desenvolverá baixo o lema “Non ao peche do ISM. Atención médica xa!” e na que participarán representantes dos traballadores e traballadoras do mar, suporá o inicio dun calendario de mobilizacións que continuará até que se restableza o servizo.

A CIG xa denunciou ante a Comisión Executiva Provincial do ISM e ante a Comisión Executiva do Consello Xeral que non se realizara a cobertura do médico do ISM de Corcubión. Ademais, a central mantivo varias reunións coa directora provincial do organismo para esixir que se cubrira a baixa do médico titular e a resposta foi a mesma: que se estaba a estudar a reestruturación da Sanidade Marítima e que había posibilidades de trasladar este servizo á Coruña e facer os recoñecementos médicos dende esta localidade.

Traslados a 100 km e saturación do servizo

A CIG advertiu que esta centralización do servizo afecta a máis de 1400 mariñeiras e mariñeiros que se verían prexudicados ao ter que desprazarse a máis de cen quilómetros para realizar os recoñecementos médicos, co conseguinte gasto de desprazamento, manutención e  perda de días de mar. Pero, a súa vez, este cambio tamén provocaría unha saturación no servizo xa que as traballadoras e traballadores que atendía o centro de Sanidade Marítima de Corcubión (que cubre os concellos de Camariñas, Carnota, Laxe, Muxía, Corcubión, Malpica, Cee e Fisterra) terían que ser atendidos na Coruña.

"Pasado un corto período de tempo, estamos a comprobar a través das queixas que nos chegan dos mariñeiros, que a maioría dos recoñecementos que xa foran prorrogados pola covid-19 rematan agora en outubro e o ISM non da cita até o ano 2021, conseguintemente moitos mariñeiros/as e mariscadores/as non poderán traballar, debido a que dito recoñecemento é unha condición necesaria para saír ao mar, xa que Capitanía non embarca a ningunha persoa que non pase esta revisión", explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG, Manuel Camiño.

A este respecto, a CIG denuncia tamén o deterioro da sanidade marítima a través da precarización das condicións laborais do seu persoal. Esta precarización está encamiñada a sementar o descontento no sector para favorecer a privatización dos recoñecementos médicos; "é dicir, transvasar diñeiro público as mans privadas e deteriorar aínda máis a sanidade pública".

Volver