A CIG convoca concentracións en Ferrol e Marín por salarios dignos para o persoal civil de Defensa
A CIG ten convocadas novas concentracións para exixir salarios dignos para o persoal civil do Ministerio de Defensa e a fin das discriminacións retributivas. As protestas realizaranse o próximo xoves, 26 de marzo, ás 11 horas, diante da Escola naval militar de Marín e na porta do parque do Arsenal de Ferrol.
A representación da CIG no ministerio lembra que a suba salarial unilateral ofrecida a finais do ano pasado pola administración “non solucionou o cerne do problema, e co comezo deste 2026 volvemos ao punto de partida da situación de discriminación”. Explican que este incremento non se consolida na estrutura retributiva do persoal porque a medida adoptada polo ministerio “non é idéntica á que utilizou para aplicar a suba ao persoal funcionario militar, nin en cantidade nin en calidade”.
O persoal militar experimentou unha suba de 2.800€ brutos anuais repartidos en 14 pagas, consolidada mediante Real Decreto para todos os seus postos. Porén, o persoal civil obtivo unha “gratificación salarial” de 2.400€ brutos anuais, “na forma de concesión unilateral, que debe ser revisada anualmente, e que fica á vontade exclusiva da administración”.
Para reverter esta situación, a CIG presentou a mediados de febreiro unha proposta na Mesa Negociadora do ministerio orientada a abrir un proceso negociador real “que permita mellorar a cantidade e consolidala na relación de postos de traballo do conxunto do persoal civil, para que non fique nunha mera concesión da administración á baixa”.
A proposta foi tratada formalmente na reunión do 26 de febreiro da Mesa de Negociación de Defensa, pero o ministerio se fixou posición e limitouse a expresar que “non era o seu ámbito competencial e que debería ser tratado no ámbito superior de negociación”, que é a Mesa Xeral de Negociación da Administración Xeral do Estado.
A CIG-Administración elevará a proposta á Mesa Xeral ante Función Pública “porque entendemos que a solución máis xusta ao conflito laboral pasa por facer o mesmo que se fixo co persoal militar, co obxectivo de consolidar definitivamente a mellora salarial froito da discriminación cometida.
De xeito paralelo, a central sindical continuará a promover a mobilización activa do persoal para que se atendan as súas demandas e conseguir as melloras salariais “por dereito e non por concesión unilateral da administración”.