A CIG convoca concentracións nas Inspeccións de Traballo para que se obrigue as empresas a garantir a igualdade retributiva

Considera irrisorio que a Xunta achaque aos sindicatos que non se negocien Plans de Igualdade cando son empresas e administracións quen deben garantir un lugar de traballo libre de discriminacións
Nacional - 15 Set 2023

A Secretaría das Mulleres da CIG ten convocadas concentracións diante das Inspeccións de Traballo da Coruña, Lugo, Vigo e Ourense o día 26 de setembro, ás 12:00 horas, para denunciar as empresas que non entregaron o rexistro retributivo de 2022 e exixir deste Organismo que as obrigue a cumprir coa lexislación en materia de igualdade. As mobilizacións insírense na campaña iniciada o pasado mes de maio baixo o lema “Imos rematar coa fenda salarial”.

A CIG leva moitos anos denunciando o incumprimento reiterado da normativa en materia de igualdade por parte da patronal e da administración. A pesar de que desde o ano 2007 teñen a obriga de negociar un plan de igualdade coa representación sindical, foron poucas as empresas que adoptaron medidas dirixidas a reducir as discriminacións e a garantir que as traballadoras desempeñen a súa actividade laboral en condicións de igualdade cos homes. E aquelas que, sen estar obrigadas, impulsaban a negociación, facíano para poder obter puntuación nos baremos das licitacións públicas.

Se afondaramos no contido da meirande parte dos diagnósticos de situación previos á elaboración das medidas antidiscriminación e de acción positiva, a valoración sería aínda peor, xa que na maior parte dos casos os documentos son unha mera transcrición da normativa de aplicación (sexa o E.T., o convenio colectivo, o EBEP...) e as medidas unha simple declaración de intencións, cando non un compendio de datos manipulados dirixidos a ocultar ou maquillar as posíbeis desigualdades detectadas.

Desde que se reduciu o tamaño das empresas con obriga de negociar o plan a 50 persoas traballadoras, na Galiza incrementouse exponencialmente o número (segundo datos do IGE pasouse de 273 a 1747 negociacións).

Eludindo responsabilidades

A Consellaría de Promoción e Emprego e Igualdade da Xunta informou recentemente, en resposta a unha pregunta do BNG sobre “o cumprimento da obrigatoriedade das empresas de implantar un plan de igualdade”, que na actualidade consta un rexistro duns 357 plans, atopándose en tramitación un 10% máis desta cantidade. Aludindo entre as causas desta dilación a que “os sindicatos non son capaces de asumir a negociación por falta de medios humanos para asistir, facendo imposíbel a realización efectiva do plan”. É dicir, culpabilizando aos sindicatos do incumprimento, precisamente por parte da mesma administración que tardou dezaseis anos en negociar un plan coa RLP, despois de múltiples requirimentos por parte da nosa representación sindical.

Por iso a Secretaría das Mulleres da CIG considera que habería que preguntar ao goberno galego e ao estatal, cantas empresas (concellos, fundacións, asociacións, entidades da administración, etc) foron sancionadas por non ter un plan de igualdade negociado coa RLP dentro dos prazos legais, cantas foron sancionadas por non cumprir as medidas recollidas nos plans, cantas delas puxeron en marcha os protocolos de prevención e actuación ante o acoso resolvendo as denuncias sen necesidade de ter que acudir ao xulgado, tendo en conta que tal e como recolle a Consellaría na súa resposta, a Inspección de Traballo realizou tan só 1 acta de infracción no ano 2023, dun total de 45 actuacións e 17 requirimentos, ou, por falar dun ano completo, no 2022 fixo 185 actuacións, con 11 actas de infracción e 56 requirimentos.

Responsabilidade de empresas e administracións

A responsabilidade de obter un lugar de traballo libre de discriminacións é das empresas e das administracións, non pode escusarse nin xustificarse na falta de medios que teñan as persoas traballadoras asociadas para a defensa dos seus intereses. Quen elabora as leis debe garantir que se executen. Mais efectivamente, os sindicatos velan polo seu cumprimento, por ese motivo a Secretaría das Mulleres vén exixindo desde abril de 2023 que as empresas entregasen o rexistro retributivo do ano 2022, tal e como recolle o RD 901 e 902/2022. Por iso, ante a inexistencia de resposta, o vindeiro día 26 se convocan as concentracións diante das Inspeccións de Traballo de todo o país  denunciando o incumprimento reiterado das empresas en materia de igualdade salarial.

A Secretaría das Mulleres lembra que o artigo 28.2 do Estatuto das persoas traballadoras estabelece a obriga de todas as empresas a levar un rexistro cos valores medios dos salarios, os complementos salariais e as percepcións extrasalariais do seu cadro de persoal desagregados segundo o sistema de clasificación profesional aplicábel na empresa.

Que o artigo 5 do RD 902/2020, estabelece as normas xerais sobre o rexistro retributivo que terán que seguir as empresas (en concreto, o artigo 5.6 recolle o deber que teñen as empresas de consulta, cunha antelación de cando menos 10 días, con carácter previo á elaboración do rexistro).

Por todo isto, a Secretaría das Mulleres denuncia que a maior parte das empresas nin realizaron esta consulta previa nin achegaron á representación legal das persoas traballadoras información a respecto do rexistro retributivo do ano 2022, ocultando información relativa aos salarios percibidos por mulleres e homes, e por tanto, evitando abordar e detectar posíbeis fendas salariais.

Canda isto, exixe á Inspección de traballo que actúe de inmediato para obrigar ás empresas a cumprir co principio de igualdade retributiva e ao goberno galego que deixe de botar balóns fóra e se responsabilice da súa inacción.