Folga en Extel o 9 de decembro contra a modificación do criterio sobre repousos médicos

A CIG anima a secundar o paro e a concentración ás 12h no Edificio Proa
A Coruña - 28 Nov 2019

O luns 9 de decembro, os traballadores e as traballadoras de Extel están chamadas a secundar unha xornada de folga de 24 horas en rexeitamento á modificación unilateral imposta pola empresa sobre os repousos médicos e o uso das horas médicas. A CIG chama a todo o persoal a secundar de xeito masivo a folga e a concentración que terá lugar ás 12:00 diante do Edificio Proa (Matogrande) para demostrarlle a Extel "a nosa oposición rotunda a un novo recorte dos nosos dereitos".

A dirección, explica a sección sindical da CIG, acolléndose a un Real Decreto de hai 5 anos, decidiu non validar os xustificantes médicos como repouso, tal e como se viña facendo até agora no centro de traballo da Coruña. Deste xeito, obriga o persoal a ter que pedir ao/á médico de cabeceira unha baixa, aínda que só sexa dun día.

"Dita medida supón un prexuízo económico grave para todas as traballadoras e traballadores, xa que até agora os repousos dun día eran remunerados sempre e cando non esgotásemos as horas médicas establecidas no convenio (35 horas)", subliñan. Porén, con este cambio unilateral de criterio, ao ter que coller a baixa "as traballadoras e traballadores cobraremos só o 70% do salario (co tope de días establecido no convenio)".

A parte do prexuízo económico, esta decisión engade unha dificultade máis na conciliación da vida laboral e familiar, "xa que mentres que agora se imos a un servizo de urxencias o xustificante era válido, agora tamén nos obrigan a ter que ir ao día seguinte ao médico/a de cabeira para coller unha baixa do día anterior, facendo deste xeito que nalgúns casos teñamos que realizar o dobre de visitas médicas para xustificar un só día".

A empresa pon o interese económico antes do dereito á saúde

Dende a sección sindical da CIG rexeitan os argumentos ofrecidos pola dirección para xustificar esta modificación, xa que usa como pretexto a existencia dunha suposta fraude, sen ningún tipo de proba e co único obxectivo de afondar na precarización laboral, antepondo os seus interese económicos ao dereito á saúde das traballadoras e traballadores. Ademais, denuncian o escurantismo de Extel que nin sequera comunicou esta medida a todo o cadro de persoal, senón unicamente ás persoas que se vén afectadas.

Diante disto, a CIG está a tomar as medidas legais oportunas para tentar frear no xulgado este novo ataque de Extel e anima as traballadoras e traballadores a secundar a folga do día 9 para deixarlle claro á empresa "que non imos tolerar este novo recorte de dereitos".