A CIG convoca folga en INDRA Gestión de Usuarios contra os despedimentos e a precarización
A CIG ten convocadas tres xornadas de folga en INDRA Gestión de Usuarios para rexeitar a política de despedimentos aplicada pola empresa co obxectivo de desmantelar división de persoal técnico de campo para subcontratar e precarizar as condicións laborais. A folga desenvolverase este venres 28 de decembro e os días 1 e 2 de decembro. Ademais, na xornada de mañá, a CIG fará concentración ás 11:00 horas na central de INDRA na Coruña (Estrada Baños de Arteixo, 47).
A folga afecta ás instalacións de INDRA Gestión de Usuarios na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e máis ao persoal desprazado en Lugo e Ourense. Nestes centros traballan unhas 200 persoas, das que arredor de 30 pertencen ao departamento técnico de campo.
O secretario do comité, Miguel Fraguela , explica que neste último ano a empresa está a levar a cabo unha política de despedimentos disciplinarios e obxectivos por todo o Estado, que xa suman arredor de 20 persoas afectadas, e que van acompañados dun acordo de despedimento improcedente, coa finalidade de deixar este servizo sen persoal propio.
“O que pretende INDRA -alerta- é subcontratar o servizo, do mesmo xeito que esta empresa xa é unha subcontrata de compañías como ABANCA ou o INSS”. O obxectivo, engade, “non é outro que precarizar aínda máis as condicións laborais, prescindir do coñecemento e bo facer do seu propio persoal e maximizar os seus beneficios á nosa costa”.
Para a CIG trátase dun ataque directo de INDRA contra a estabilidade laboral e a dignidade do traballo. Hai que salientar que esta división realiza un traballo esencial e que o persoal conta cunha ampla experiencia, pois a meirande parte provén doutras empresas que foi absorbendo INDRA para a realización das tarefas de mantemento dos caixeiros, redes e dispositivos diversos, principalmente, de entidades bancarias.
Neste contexto, a CIG convoca estas tres xornadas de folga en resposta á estratexia de precarización e subcontratación e xa avanza que as medidas de presión continuarán se INDRA teima nos despedimentos e non senta negociar un acordo para solucionar o conflito.