A CIG convoca folga indefinida en Faurecia Asientos de Vigo contra a intención da empresa de rebaixar os salarios

Reclámalle á dirección que deixe sen efecto a medida porque existe previsión de carga de traballo
Vigo - 08 Feb 2018

A CIG decidiu convocar folga indefinida en Faurecia-Asientos de Galicia, empresa do sector da automoción con sede no polígono vigués de Valadares, para rexeitar a decisión da compañía de aplicar unha rebaixa salarial de 1740 euros a cada traballador/a. Os delegados da central reclámanlle á dirección que deixe sen efecto o pactado con CCOO, UGT, CGT e CSIF porque hai previsión de carga de traballo e tendo en conta que obtivo importantes beneficios no último exercicio fiscal.

Dende a sección sindical da CIG en Faurecia explican que o pasado 31 de xaneiro mantiveron unha xuntanza extraordinaria coa empresa para abordar a baixada de soldos pactada para 2018. “Ante o aumento da carga de traballo anunciada por PSA, que vai fabricar 60.000 coches máis, solicitámoslle á dirección que non aplique o desconto salarial”, indican, ao tempo que lembran que a compañía obtivo beneficios de máis de 17 millóns de euros no último exercicio fiscal. 

A central fará concentracións ás portas da empresa este venres día 9

Hoxe mesmo a empresa convocou o comité para trasladarlle unha proposta que, segundo os delegados da CIG, non recupera o poder adquisitivo que se vai perder este ano. Con todo, antes de emitir unha resposta a central fará asembleas de traballadores/as para analizar a oferta da empresa. Ademais de convocatoria de folga indefinida a CIG desenvolverá concentracións ás portas de Faurecia este venres 9 de 13:30 a 14:30 horas e de 21:30 a 22:30 horas.