A CIG convoca folga indefinida no servizo de mantemento do elevador panorámico da Coruña

Ante a falta de medidas preventivas que garantan a seguridade do persoal e dos/as usuarios/as

A Coruña -

A CIG ten convocada folga indefinida na empresa Talentorbis, concesionaria do servizo de mantemento do elevador panorámico da Coruña,  a partir do martes 3 de agosto, para esixir que se mellore a seguridade estrutural do propio elevador e denunciar a falta de medidas de prevención, protocolos e procedementos para o persoal que presta este servizo.

Ademais, con esta folga quérese rexeitar a actitude represiva contra os tres traballadores encargados do mantemento, aos que a empresa está ameazando e lle comezou a impor sancións despois de denunciar na Inspección de Traballo e no Concello da Coruña a falta de medidas de seguridade e os riscos aos que están sometidos.

Pasotismo do Concello

A CIG lamenta o desinterese da Concellaría de Medio Ambiente e Infraestruturas ante esta situación, xa que a pesar de coñecer as precarias condicións de seguridade do elevador non adoptou até o momento ningún tipo de medida, nin se dirixiu a empresa para obrigarlle a corrixir estas deficiencias. "Parece que non lle importa nin a seguridade dos traballadores de mantemento, nin do persoal que manexa o elevador, nin tampouco das persoas que fan uso del", critica Ernesto López, responsábel de Saúde Laboral da CIG da Coruña.

Neste senso, a CIG entende que mentres dure a folga, o elevador debe paralizar a súa actividade, xa que sen o mantemento adecuado a súa operatividade vese comprometida así como a seguridade tanto do persoal que traballa no ascensor como das persoas usuarias.

Volver