A CIG convoca folga indefinida no transporte de viaxeiros/as da Coruña dende o 26 de outubro
A CIG ten convocada folga no servizo de transporte de viaxeiros/as nas liñas Santiago-Carballo-Costa da Morte, adxudicado á UTE 811, e nas liñas da zona de Betanzos-Curtis, que presta a UTE 846. O paro, que comezará ás 00:00 horas do luns 26 de outubro, afectará aos traballadores e traballadoras destas unións temporais de empresas e terá carácter indefinido.
O secretario de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, explica que estes contratos foron adxudicados pola Xunta en setembro pero as UTE non están a respectar as condicións que o persoal tiña previamente, a pesar de que así o establece o convenio do sector. Concretamente, indica que a maioría dos traballadores/as subrogados viñan prestando este mesmo servizo en Arriva, que ten unhas condicións laborais e salariais superiores ás do convenio, que non lles están respectando as novas empresas.
Un deseño dos contratos pensado para impedir a representación sindical
Pero para Pastoriza, o gran problema deste conflito atópase no propio deseño de contratos feito polo Goberno de Feixoo que fomenta UTE integradas por numerosas compañías (até 12 empresas diferentes para un único contrato) que á súa vez distribúen os traballadores e as traballadoras en cada unha das empresas, imposibilitando deste xeito que haxa representación sindical. Isto é así, apunta, porque a Xunta non permite as contratacións directas polas UTE, xa que ao non ter entidade xurídica propia non poden acceder á tarxeta de transporte nin polo tanto, ter flota de vehículos e persoal.
"Con este deseño (que entendemos que é ilegal), a Xunta actúa politicamente tratando de limitar a capacidade de resposta e acción do sector", asevera Pastoriza, quen apunta ademais á deficiente dotación económica dos contratos e á conflitividade que este tipo de infradotacións adoita carrexar. "No curto e medio prazo os grandes prexudicados serán os traballadores/as, sobre quen pretenderán cargar os custes, e as pequenas empresas galegas, pois estase deixando todo o sector en mans de dúas ou tres grandes compañías", advirte.
A este respecto, lembra que a CIG xa presentou denuncia na Comisión da Competencia para que investigue se este tipo de contratacións vulnera a lexislación en materia de competencia, "pois na práctica o que ocorre é que as empresas, sobre todo os grandes grupos, se reparten o mercado".
UTE con 12 empresas pero só 9 traballadores/as
Sobre a organización do transporte de viaxeiros/as por estrada, o responsábel sindical sinala que non ten sentido que haxa UTE con 12 empresas para contratos que só precisan de 9 condutores/as, ou que haxa unións temporais con estas mesmas compañías nas que 3 ou 4 firmas só están a título nominal e non prestan ningún servizo. Pon como exemplo o caso de Castromil (Grupo Monbús) que durante moitos anos fixo a ruta Ferrol-Vigo en solitario e agora preséntase a este mesmo contrato nunha UTE con 14 empresas.
As consecuencias deste estruturación son obvias: dos 101 lotes adxudicados en 2018-2019, 93 foron para UTE destas características e destes, só en dúas UTE hai representación sindical. Para este ano haberá 29 adxudicacións novas, das que 10 comezaron a traballar en setembro, e as outras 19 está previsto que se resolvan en decembro-xaneiro.
A Dirección Xeral de Mobilidade, desenténdese do problema
Diante desta limitación de dereitos e dos incumprimentos que se están a dar nas subrogacións, a CIG mantivo contacto coa Dirección Xeral de Mobilidade que se inhibiu completamente da problemática. Neste senso, Pastoriza reclama da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade que reformule o deseño dos contratos do transporte para garantir os dereitos dos traballadores e traballadoras e para unha prestación eficiente deste servizo.