• Nova

A CIG convoca folga nos centros de chamadas o 13 de abril en demanda dun convenio digno

O paro, de 24 horas, afectará a todos os centros de traballo de Galiza que se rexan por este convenio colectivo
Nacional - 22 Mar 2022

A CIG convoca folga no sector dos centros de chamadas para o mércores 13 de abril, ante a falta de avances na negociación do convenio colectivo e a postura da patronal, que teima en recortarlle ao persoal dereitos que xa ten consolidados. A xornada de folga será de 24 horas e afectará a todos os centros de traballo de Galiza que se rexen polo convenio colectivo estatal de centros de chamadas.

Na última reunión da mesa de negociación, que tivo lugar este mesmo martes, a patronal acudiu, de novo, sen ningunha vontade real de negociar e cunha propostas económicas miserentas que nin sequera garanten a recuperación do poder adquisitivo despois de anos de perda salarial. De feito, a CIG calcula que os cartos perdidos polo persoal en 11 anos, a causa das míseras condicións do convenio, ascenden a máis de 10.000 euros, nun sector altamente precarizado e no que os salarios están a piques de ser superados polo SMI.

Suba salarial miserenta

Pero cunha inflación desbocada e medre constante da carestía da vida, a patronal limítase agora a ofrecer un incremento salarial do 0% para 2020, do 0.8% para 2021, do 2.5% para o ano 2022 e do IPC +0.5% para 2023, mais establecendo un tope de suba do 2.5%. A este respecto, a representación da CIG lembra que o pasado ano o IPC pechou no 6.7% en Galiza e está previsto que supere o 7% neste exercicio, polo que a proposta das empresas non garante nin sequera o mantemento do poder adquisitivo.

A esta irrisoria oferta económica hai que sumarlle as pretensións da patronal de afondar na precariedade, xa que se nega a asumir a transformación inmediata dos contratos por obra e servizo no sector, que están en fraude de lei tal e como declarou a sentenza da Audiencia Nacional. A isto engádeselle que as empresas non queren aceptar medidas para facilitar a conciliación, mellorar a clasificación profesional -que é inadecuada e está obsoleta-, limitar a distribución irregular da xornada ou atallar as elevadas taxas de parcialidade que se dan no sector.

É hora de loitar por un convenio digno

Despois de dous anos de negociación sen avances, de salarios conxelados e de que a patronal fixera caso omiso das mobilizacións que a CIG vén realizando dende hai tres meses no sector, "é hora de demostrarlle que estamos fartas e fartos dos abusos e que queremos melloras reais nas nosas condicións laborais, salariais e sociais". Por iso, fan un chamamento a todas as traballadoras e traballadores a secundar a xornada de folga e loitar por un convenio digno.