A CIG convoca manifestación na Coruña o 26 de maio con motivo da xornada de folga no BBVA

A marcha sairá ás 11:30 horas da Dirección Territorial do banco no Cantón Pequeno

Nacional -

A sección sindical da CIG no BBVA acordou convocar unha manifestación central na Coruña (onde o banco ten a Dirección Territorial Noroeste) para o próximo mércores, 26 de maio, data na que a central, xunto con ELA, LAB, SCAT, SEC e CGT teñen convocada unha xornada de folga en contra do salvaxe ERE e da precarización da condicións laborais que pretende impor a entidade.

A manifestación sairá ás 11:30 horas da DT do BBVA no Cantón Pequeno, irá pola Rúa Nova e San Andrés até a oficina que o banco ten na Praza de Pontevedra e seguirá por Juana de Vega para rematar no punto de partida.

A sección sindical da CIG reitera que sobran as razóns para secundar masivamente a folga do mércores 26 e insta os traballadores e as traballadoras a participar tamén na marcha na Coruña para demostrarlle ao banco a oposición tanto aos despedimentos como á modificación substancial das condicións laborais e á mobilidade xeográfica que pretende aplicar.

O secretario da sección sindical, Miguel Fernández, denuncia que durante as reunións do período de consultas, a empresa non está trasladando á parte social información básica, como o número de persoas afectadas polos distintos expedientes ou cantas prexubilacións e cantos despedimentos "oferta". "Así non se pode negociar" asevera, "e facer contrapropostas, como pretenden algunhas organizacións sindicais, resulta temerario cando nos faltan datos fundamentais".

Critica que a entidade 'despacha' os despedimentos na rede de oficinas (que constitúen o groso das rescisións) con dúas páxinas das 231 que ten o informe técnico, "sen  facilitar ademais os datos desagregados por oficinas e por postos da suposta baixada da carga de traballo -que o banco atribúe ao cambio de hábito da clientela-, cando esta é unha das causas que alega para xustificar botar a xente á rúa".

BBVA pide incrementar as xornada laboral mentres negocia o ERE

A este respecto, Fernández chama a atención sobre o feito de que o BBVA formule este ERE e ao tempo queira incrementar a xornada laboral das persoas que quedan no banco, o que evidencia que, en realidade, non existe unha baixada da carga de traballo. "Por iso, que haxa sindicatos que fan propostas aceptando incrementar a xornada, habendo despedimentos enriba da mesa, resulta inaceptábel".

Ademais, apunta, "para podermos facer unha proposta argumentada e razoada, co obxectivo de reducir o impacto do ERE, deberíamos coñecer o número de prexubilacións e o número de despedimentos, incluso por provincias. É doado para o banco dicir que acepta incrementar as condicións das prexubilacións, se logo pensa conceder un número moi reducido delas".

A sección sindical da CIG insiste en que as traballadoras e os traballadores "non podemos permitir que o BBVA faga o mesmo que o Santander: vender publicamente que os somos uns privilexiados/as que nos prexubilamos, mentres o que fai na realidade é despedir o persoal e externalizalo en contratas para recortarlle as condicións laborais".

Sobran as razóns para rexeitar estas propostas, secundar masivamente a folga do vindeiro 26 de maio e participar na manifestación da Coruña, "porque os postos de traballo deféndense loitando".

Volver