A CIG convoca protestas en cidades e vilas o vindeiro 15 de decembro por unha saída galega xusta da crise

Así o acordou o Consello Confederal, que debateu sobre a negociación colectiva e o 8M

Nacional -

O máximo órgano entre congresos da CIG, o Consello Confederal, reuníase este venres para analizar a situación actual e acordar o traballo a desenvolver nos vindeiros meses. O organismo, que considerou unha prioridade a campaña que a central sindical vén desenvolvendo parte ra socializar e concienciar da necesidade de poñer en marcha políticas que permitan unha saída galega xusta da crise, acordou convocar mobilizacións para o vindeiro día 15 de decembro.

Ademais debateu arredor do documento polo que federacións e comarcas guiarán a negociación colectiva en 2021 e analizou as consecuencias que para o conxunto da clase traballadora, pero sobre todo para as mulleres, tivo e segue a ter a pandemia.

Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explicou que o que se pretende é convocar concentracións para esa data no maior número de localidades, nas que xa se celebraron asembleas de delegados e delegadas para pór en común a campaña e ir preparando xa as mobilizacións.

Carril, que analizou a situación de crise sanitaria, económica e social, deu conta das campañas que, canda esta, se foron lanzando nestes últimos meses e que se desenvolverán nos próximos, nomeadamente a campaña en defensa dun sistema público galego de atención ás persoas.

A previsión é que ao longo do mes de decembro se poñan en marcha os trámites desta iniciativa popular coa que se pretende a dignificación das condicións de traballo, a valorización social, laboral e económica das traballadoras de coidados e todo o relacionado co servizo de axuda no fogar.

A recollida de sinaturas podería comezar no mes de xaneiro e permitiría sensibilizar sobre esta situación, ademais de preparar o vindeiro 8 de marzo. Así o considerou a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, que denunciou o impacto das medidas adoptadas durante a crise sanitaria sobre a vida das mulleres. Unha situación que será analizada nas asembleas de delegadas que se convocarán para comezar a traballar de cara a esa data.

Xunto a isto, están ademais en marcha as mobilizacións do colectivo de xubiladas/os e pensionistas, coa reivindicación de políticas públicas de asistencia ás persoas maiores e coa vista posta na anunciada reforma das pensións, nun momento no que se cerne unha ameaza sobre o sistema público, á vista das recomendación do Pacto de Toledo.

A este respecto, Paulo Carril advertiu de que os plans privados de pensións “van xerar unha nova contradición no seo da clase traballadora, unha nova ruptura da unidade de clase, pola creación de condicións de traballo diferentes a sectores da clase traballadora, afondando nesta estratificación e na precariedade, non xa no laboral, senón no social”.

Aposta pola negociación colectiva

O secretario xeral da CIG sinalou tamén como unha prioridade da central sindical a negociación colectiva, como a mellor forma para procurar unha mellora real das condicións de traballo e de vida da clase traballadora. Un obxectivo para o que puxo en valor a principal ferramenta organizativa que temos: a central sindical e a súa capacidade combativa, e fronte á que situou o sindicalismo “da resignación, do entreguismo, do diálogo social e, polo tanto, de facilitar a implantación de todas aquelas medidas que se están levando adiante ou que propón a patronal e os gobernos están facilitando”.

A este respecto, Carril insistiu especialmente en que, fronte á dureza da actual situación é esencial presentar propostas, explicalas nas asembleas e defendelas fronte o agresivo marco e os abusos “nunca vistos” do capital contra a clase traballadora. Unha situación que, se non se combate, abre as portas ao fascismo, que “está atizando detrás” aproveitando a indignación que medra conforme medra a precariedade. “Temos que incentivar a solidariedade de clase”, concluíu.

Foi o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, quen debullou o documento que guiará a posición da central sindical en 2021. Un texto no que se recollen as reivindicacións que a central sindical ten para conseguir esas mellores condicións para a clase traballadora e que terá que ser adaptado para cada federación e sector.

O perigo do teletraballo

As consecuencias do teletraballo e os procesos de dixitalización centraron boa parte do debate. A este respecto, Carril advertiu de que “é un elemento de explotación brutal”; que se está aproveitando a pandemia para implantalo porque neste intre permite satisfacer a preocupación social de minimizar os contactos, pero que “está cavando unha gran fosa para as condicións da clase traballadora”.

Unha cuestión á que cómpre dar resposta e que entrará con forza nos debates da negociación colectiva, que chamou a enfrontar “con intelixencia” e aclarando ben as súas consecuencias, para poder combatelo.

Parello ao que pode ocorrer co teletraballo está xa ocorrendo coa dixitalización e a robotización, que está provocando a substitución de persoas traballadoras por máquinas en empresas como Zara; ou que está destruíndo miles de postos de traballo na banca.

Volver