A CIG convoca mobilizacións por unhas pensións públicas dignas e un sistema público de atención ás persoas

O xoves 1 de outubro, ás 11 horas, na Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo

Nacional -

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG ten convocadas concentracións para este xoves, 1 de outubro, en seis cidades galegas na defensa dunhas pensións públicas dignas e garantidas ante as ameazas de novos recortes. A crise económica derivada da crise sanitaria está a servir de escusa a UE para exixir reformas das que o sistema público de pensións é obxectivo principal.

Así, denuncian, abundan as informacións sobre medidas que se pretenden implantar baixo a suposta inviabilidade do sistema, e que suporán a prolongación da vida laboral e unha maior dificultade no acceso á xubilación, condenando unha vez máis a debilitar e precarizar o mercado de traballo, sobre todo para a xente máis nova, que se verá obrigada a continuar emigrando.

Pero con estas mobilizacións (que se repetirán mensualmente até finais de ano), o colectivo da CIG tamén reclama da Xunta a creación dun sistema público galego de atención ás persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente. A actual pandemia deixou en evidencia os escasos recursos que se destinan a estes servizos así como a nefasta xestión nos centros privatizados ou privados.

Por iso, reclaman un cambio radical nas políticas de atención ás persoas e no modelo de xestión, o aumento nos orzamentos destinados á atención á dependencia, o incremento na dotación de prazas públicas de centros de día e residencias, e incorporar o servizo de axuda no fogar nun ente público galego para rematar coas miserentas condicións laborais e salariais das mulleres que desempeñan este traballo de coidados, cada vez máis necesarios.

LUGARES DAS CONCENTRACIÓNS:

  • A Coruña: na Subdelegación do Goberno, Avda. da Mariña.
  • Ferrol: diante do INSS da Rúa Catalunya
  • Lugo: Edificio Multiusos da Xunta, Ronda da Muralla.
  • Pontevedra: Edificio da Xunta en Campolongo.
  • Santiago: diante do INSS da Rúa Galeras.
  • Vigo: na Farola de Urzáiz.

Volver