• Nova

A CIG convoca mobilizacións en todas as comarcas, o mércores 20 de abril, contra a carestía da vida

A central sindical demanda, contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos
Nacional - 18 Abr 2022

A CIG convoca para este mércores, día 20 de abril, asembleas e concentracións de delegadas e delegados en cidades e vilas galegas, baixo o lema “Contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos”.

Mobilizacións

  • A Coruña: 12h Delegación do Goberno
  • Ferrol: 12h, Edificio da Xunta
  • Compostela: 12h, Praza de Galiza
  • Ribeira: 12h, Praza do Concello
  • Lugo: 12:30h, Subdelegación do Goberno
  • Ourense: 11h, Subdelegación do Goberno
  • Vigo: 12h, desde a rúa Vázquez Varela ata o Edifico da Xunta
  • Pontevedra: 12h, Subdelegación do Goberno
  • Vilagarcía: 11:30h, Oficina do INSS

Ante a crítica situación económica e social provocada pola carestía da vida na que xa viviamos, agravada polas consecuencias da guerra na Ucraína, a central sindical demanda, con estas mobilizacións que se insiren na campaña contra a carestía da vida, que se poñan en marcha toda unha serie de medidas urxentes para atallar o impacto que os altos prezos dos bens e servizos básicos están a ter sobre as clases populares. Propostas que requiren dunha decidida intervención pública e inciden en varios ámbitos para poder garantir unhas condicións de vida dignas.

A central sindical considera “indecente” que o Goberno acorde aumentar até un 2% do PIB en Defensa, sen dar solución á carestía de vida e ás graves carencias e necesidade sociais, servizos públicos e en defensa do emprego digno. Fronte a isto entende que a resposta á pobreza non poden ser máis políticas neoliberais como as que contén o chamado Plan de Resposta Económica á Guerra anunciado polo Goberno español, que busca, entre outros obxectivos,  a contención salarial, consolidando así os baixos soldos e a pobreza laboral.

Unha ofensiva que se completa co chamado Pacto de Rendas e as negociacións do acordo estatal de negociación colectiva onde, de novo, o diálogo social, UGT e CCOO, volven estar ao servizo do capital, e baixo a premisa de impor moderación salarial, imposibilitan calquera recuperación do poder adquisitivo dos salarios.