A CIG convoca mobilizacións o 10 de marzo baixo o lema “Reformas Laborais e Lei Mordaza, anulación xa!”

Seixo tilda o goberno do PP de “incompetente" e considera “insultante” que intente agochar a realidade laboral e social existente en Galiza
Compostela - 04 Mar 2016
Con motivo do Día da Clase Obreira Galega, a CIG convoca asembleas e mobilizacións nas 7 cidades e en varias vilas galegas baixo o lema “Reformas Laborais e Lei Mordaza, anulación xa!”. A central denuncia que o obxectivo destas contrarreformas era, e así se evidenciou, precarizar as condicións laborais para favorecer o incremento de beneficios para as empresas e dotarse da lexislación necesaria para reprimir a contestación social. Por iso, e atendendo aos resultados das eleccións do 20-D, neste 10 de Marzo, a CIG exixe a súa inmediata derrogación.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explica que coa reforma laboral “o que se fixo foi facilitar o despedimento, provocar unha caída xeneralizada de salarios, incrementar a contratación temporal e a contratación a tempo parcial -que leva aparellada unha escandalosa nivel de fraude- para incrementar o máximo posíbel os beneficios das empresas”. Unha reforma que ademais “xerou un importante debilitamento do movemento obreiro e un reforzamento das posturas da patronal e do capital”.

Denuncia que isto viu acompañado dunha política represiva a través da lei mordaza, que realmente é un instrumento máis da administración, neste caso do PP, “para reprimir calquera tipo de movemento e contestación social ás políticas antiobreiras e antisociais do PP”.

Entende que agora, tras dunhas eleccións xerais nas que ningunha forza política sacou maioría absoluta, “ábrese unha porta que pode facilitar a derrogación” desta lexislación laboral e do recorte de dereitos e liberdades públicas que, a xuízo do secretario xeral, “están, en grande parte, na base do que foi o deterioro das condicións laborais e da política represiva do PP”.

Pobreza laboral

Seixo explica que, xunto con estas reivindicación, a CIG avaliará, nas asembleas e na campaña que arredor do 10 de Marzo se está a desenvolver en toda Galiza, a situación sociolaboral e económica que sofre o noso país e que define como “altamente preocupante”.

Neste sentido, salienta que o desemprego afecta a preto de 250.000 persoas; que o tramo de asalariados que medrou nos últimos anos foi o daqueles que teñen uns ingresos do 50% do SMI e que non chegan aos 2.000 € ao ano e que “non poden ter a consideración de traballadores/as en activo”. Moi á contra, entende que se lles debería dar a consideración de desempregados/as.

De ser así, afirma “estariamos falando de cifras aínda máis  de desemprego”, máis se se lle engade a iso a emigración tan relevante de mozos/as, que se evidencia na perda de poboación activa xustamente entre os de menos de 34 anos, tramos no que se perderon máis de 120.000 persoas.

A CIG manifesta ademais a súa enorme preocupación polo incremento das desigualdades sociais e o deterioro xeralizado da nosa economía. Unha situación que, no seu conxunto “dá nun incremento significativo, do punto de vista económico, do carácter periférico do noso país”.

Neste sentido, Seixo denuncia que o PP en Galiza “non ofrece saída ningunha”, que se limitan a ser “meros espectadores e a intentar enganar á opinión pública tratando de facernos ver que estamos en mellores condicións que antes do inicio da crise para afrontar unha situación de despegue económico do nosos país”.

Considera “insultante”, que traten de ocultar a realidade e cualifica tanto a Feijoo como ao goberno que preside de “incompetentes” á hora de ofrecer saídas a esta. Por iso, conclúe “neste 10 de marzo, unha vez máis, teremos que pór enriba da mesa a necesidade de conquistar cotas de soberanía real non xa por unha cuestión puramente democrática, para poder gobernarnos por nós mesmos”, senón tamén para que o Parlamento galego teña realmente plenas competencias para poder desenvolver o noso país en todos os ámbitos: laboral, económico, social, cultural e demais”.

Asembleas e concentracións

- Ferrol

10:00 h. Asemblea Delegados/as

12:00 h. Ofrenda Floral

20:00 h. Manifestación con saída de Eduardo Pondal, a carón do local sindical

- A Coruña:

10:00 h. Asemblea de Delegadas/os no Salón de Actos Edificio Sindical

12:00 h. Concentración diante da Delegación do Goberno.

- Compostela: 

18:00 Asemblea de Delegados/as na Faculdade de Políticas

20:00 h. Manifestación con saída da Praza Roxa

- Lugo

 10:00h. Asemblea de Delegados/as no Salón de Actos da Casa Sindical

  12:00h. Concentración diante da Subdelegación do Goberno de Lugo (Praza de Armanyá)

 - Viveiro:

10:00h. Asemblea de Delegados/as no local da CIG de Viveiro

12:00h. Concentración diante dos Xulgados de Viveiro.

- Ourense

Asemblea de Delegadas/os no Salón de Actos da Casa Sindical 11:30 h. Concentración diante da Subdelegación do Goberno. 

- Pontevedra:

10:00 h Asemblea de Delegadas/os no Salón de Actos Edificio  Sindical

12:00 h Manifestación con saída da Praza da Ferrería.

- Vigo: 20:00 h. Manifestación con saída desde a Doblada