A CIG convoca mobilizacións o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, en todas as comarcas

Pola recuperación de dereitos e na defensa da industria e do emprego en Galiza

Nacional -

A CIG fai un chamamento a participar nas mobilizacións que ten convocadas en todas as comarcas para o vindeiro día 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega baixo o lema “Recuperar dereitos para avanzar. Na defensa da Industria e do Emprego en Galiza”.

LUGARES E HORARIOS DAS MOBILIZACIÓNS

-Ferrol:

Ofrenda floral ás 12.30h.

Manifestación ás 20h desde o local sindical da CIG (Avenida de Esteiro).

-Vigo:

Manifestación ás 18:30h desde a Dobrada.

-A Coruña:

Concentración ás 12h na Delegación do Goberno.

-Pontevedra:

Concentración ás 12h na Praza da Peregrina.

-Vilagarcía:

Concentración ás 12h diante do INEM. 

-Compostela:

Manifestación ás 20h desde a Praza Roxa.

-Lugo:

Manifestación ás 20h desde o Edificio Sindical.

-Ourense:

Concentración ás 11h diante da Subdelegación do Goberno.

A historia contemporánea do movemento obreiro galego está construído desde as mobilizacións do ano 1972, nos últimos días da ditadura franquista. As protestas comezaron en Ferrol no mes de marzo, continuaron meses despois en Vigo, e tiveron no asasinato pola policía franquista dos traballadores da antiga Bazán Amador e Daniel a maior expresión da represión vivida. Mártires dunha loita pola dignidade, contra a precariedade das condicións de traballo, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva en Galiza e non en Madrid.
Por esa razón o 10 de Marzo é sempre unha data combativa para a CIG, demostrando que os dereitos que hoxe temos recoñecidos, e constantemente ameazados, son o resultado das loitas da clase traballadora. Neste 2020, 48 anos despois, a loita continúa para a recuperación e conquista dos nosos dereitos. 

A central insiste na necesidade de derrogar xa as reformas laborais e das pensións

A CIG esixe a derrogación inmediata das reformas laborais do 2010 e 2012 porque aumentan a extensión e o asentamento da precariedade laboral, os baixos salarios, a pobreza laboral, as facilidades e abaratamento do despedimento que as empresas teñen á súa disposición, o menú variado das vellas e das novas formas de explotación laboral, a utilización da contratación a tempo parcial, unha media de contratos anuais por persoas asalariadas do 4%, etc; son a realidade dunhas Reformas Laborais, 2010 (PSOE) e 2012 (PP) que seguen inxustificadamente en vigor.

Porque fomentan a estatalización e centralización da negociación colectiva que invaden as nosas competencias á hora de poder negociar as nosas condicións de traballo e os nosos salarios através dos convenios sectoriais provinciais e galegos.

Porque afondan nas desigualdades sociais e de xénero, o aumento da fenda salarial, a falla de medidas reais para garantir unha presenza en igualdade das mulleres, son tamén unha realidade aumentada ante a vixencia das reformas laborais.

Salarios xustos e pensións dignas

De igual xeito, a central reclama a derrogación inaprazábel das reformas das pensións de 2011 e 2013 porque, ao igual que as reformas laborais e da negociación colectiva, están a provocar que se aprofunde o feito de termos os salarios e as pensións máis baixas do Estado español.

Os salarios en Galiza están hoxe, en termos reais, un 7,6% por debaixo dos niveis de 2009. O peso das rendas dos traballo segue descendendo no PIB mentres aumenta o das rendas do capital e as desigualdades de xénero non diminúen. Medra o colectivo de persoas traballadoras que apenas chegan ao salario mínimo, as persoas máis novas son as que menos cobran e son as que traballan maioritariamente no sector servizos, sendo onde máis se crea emprego, pero onde se estenden os baixos salarios, non chegando aos 10.600 euros/ano.

En Galiza estamos preto de que o 50% da poboación estea ou ben na pobreza, ou ben na extrema pobreza, ou ben camiño da pobreza.

Non derrogar na súa integridade as reformas laborais, combinada coa non aplicación da Carta Social Europea e o recente incremento do SMI para o ano 2020 a 950 euros, cronifica esta situación e imposibilita unha recuperación salarial que permita vivir en condicións dignas.

Volver