A CIG convoca protestas para rexeitar catro despidos no servizo de limpeza de ENCE

Desenvolverá unha concentración diante da pasteira este xoves 23  de 13:30 a 14:30 horas
Pontevedra - 20 Out 2025

A federación de Servizos da CIG de Pontevedra vén de anunciar a convocatoria dunha concentración na porta da fábrica de ENCE, en Lourizán, para rexeitar os catro despidos comunicados pola empresa auxiliar EULEN, encargada do servizo da limpeza das instalacións da pasteira. A protesta terá lugar este xoves 23 de 13:30 a 14:30 horas.

As rescisións de contrato fixéronse efectivos o pasado 15 de outubro, e nas cartas de despido a dirección xustifica a decisión en primeiro lugar na existencia de razóns organizativas e produtivas, xa que a empresa principal ENCE Celulosas “atópase inmersa nun plan de optimización de recursos que implica unha redución de costes, e polo tanto de persoal”. 

Eulen alega un plan de optimización de recursos de ENCE e a automatización de certos procesos

Mais tamén alega a automatización de certas tarefas de limpeza en diferentes postos de traballo “con certa maquinaria que a día de hoxe non está implantada na fábrica”, segundo denuncian dende a central sindical.

En consecuencia, a asemblea de persoas traballadoras do servizo de limpeza celebrada ás portas da fábrica durante a mañá do pasado venres decidiu levar adiante a mobilización este xoves 23 de outubro entre a 13:30 e as 14:30 diante da pasteira “co fin de exixir a readmisión do persoal despedido”.