A CIG convoca preto de 30 mobilizacións este 8-M

A central denuncia as actuacións dalgunhas empresas para impedir o exercicio do dereito á folga das traballadoras

Nacional -

Este 8 de Marzo, no marco do Paro Internacional de Mulleres, a CIG ten convocada folga de mulleres para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia. A folga laboral afectará a todas as actividades e centros de traballo, tanto das empresas privadas como do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial da Galiza, dende ás 00:00 horas ás 24:00 horas (agás para as quendas que se inicien antes das 00:00 horas).

Pero alén da folga laboral, este 8 de Marzo, as mulleres estamos chamadas a secundar tamén folga no ensino, de consumo e nos coidados, para denunciar as discriminacións e o machismo que sufrimos e desmontar e denunciar a hipocrisía e a falsidade coa que se trata a problemática específica das mulleres, tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema.

Prácticas vulneradoras do dereito á folga

Dende a Secretaría das Mulleres da CIG rexéitanse as actitudes de determinadas empresas que nas últimas semanas instaron as súas traballadoras a informar previamente se ían exercer o seu dereito á folga. Este é o caso de Denso (empresa viguesa) onde os mandos intermedios preguntaron traballadora por traballadora sobre as súas intencións de secundar o paro, unha actuación vulneradora que foi denunciada na Inspección de Traballo.

Noutras empresas como Copo tentouse coaccionar as traballadoras dicíndolle que se ían a folga descontaríaselle o plus de puntualidade e asistencia, cando en ningunha outra folga anterior se deixaran de abonar. A secretaria das mulleres da CIG rexeita estas actuacións por seren claramente irregulares, "ter a finalidade de crear listaxes para identificar as traballadoras máis reivindicativas e limitar o exercicio dun dereito fundamental como o de folga".

Tiran anacos dunha faixa diante do local da CIG de Vigo

De igual xeito, a Secretaría das Mulleres rexeita comportamentos como o rexistrado en Vigo, onde apareceu rachada unha faixa da CIG e os anacos tirados diante do local sindical. Unha mostra clara de que "ao poder non lle interesa a existencia de mulleres organizadas que manteñan unha actitude combativa e de confronto aos poderes políticos e económicos, contra quen nos explota como clase, nos discrimina por sermos mulleres e nos oprime por ter conciencia de nación. Ao sistema interésalle homoxeneizar o discurso, banalizalo, pretenden ritualizar o 8 de marzo, chamándolle Día da Muller, e que quede nunha data festiva, baleira  de discurso crítico contra o capitalismo e contra o patriarcado, e desposuída da súa orixe obreira e revolucionaria. Por iso lles incomoda que nos manifestemos. Esta é unha razón máis para sairmos á rúa o 8 de marzo e todos os días que sexan necesarios".

Por min, por ti, por todas. Fai folga e participa nas mobilizacións convocadas pola CIG este 8 de Marzo!

MOBILIZACIÓNS

UNIÓN COMARCAL DE VIGO

VIGO: 12:00h Na Farola de Urzáiz

BUEU: 12:00h Diante do Concello (r/Eduardo Vicenti)

CANGAS: 12:00h Diante do Concello (Avda. Castelao)

MOAÑA: 12:00h Diante do Concello (r/ As Barxas)

TOMIÑO: 12:00h Diante do Concello (Praza do Seixo)

UNIÓN COMARCAL DA CORUÑA

A CORUÑA: 12:00h Na Praza de Vigo

BETANZOS: 12:00h Na Praza da Constitución

CARBALLO: 12:00h Na Praza do Concello

CEE: 12:30h Na Praza 8 de Marzo

UNIÓN COMARCAL DE COMPOSTELA

COMPOSTELA: 11:00h Na Xunta de Galiza (San Caetano)

COMPOSTELA: 11:30h No CHUS (Hospital Clínico)

COMPOSTELA: 12:00h Na Praza de Galiza

RIANXO: 12:00h Na Praza do Concello

UNIÓN COMARCAL DE FERROL

FERROL: 11:30h No edificio da Xunta (Praza de Amada García)

AS PONTES: 12:00h Na Praza do Concello

UNIÓN COMARCAL DE LUGO

LUGO: 12:30h

BURELA: 12:00h Diante do Concello

MONFORTE: 12:00h Na Praza de España

RIBADEO: 12:00h Diante do Concello

VIVEIRO: 12:00h Diante do Concello

UNIÓN COMARCAL DE OURENSE

OURENSE: 11:30h Diante da Mutua Universal

O BARCO DE VALDEORRAS: 20:00h Na Praza do Concello

VERÍN: 12:00h Na Praza do Concello

UNIÓN COMARCAL DE PONTEVEDRA

PONTEVEDRA: 12:00h Na Praza da Peregrina

VILAGARCÍA DE AROUSA: 12:00h Na Praza Ravella

A ESTRADA: 12:00h Na Praza do Mercado

MOBILIZACIÓNS DE GALEGAS8M

A CORUÑA: 19:30h Manifestación dende o Obelisco. 

COMPOSTELA: 20:00h Manifestación dende a Praza 8 de Marzo

FERROL: 19:00h Manifestación dende a Praza Amada García

LUGO: 20:00h Ruada Noctura dende a explanada da Xunta

OURENSE: 20:00h Manifestación dende a Subdelegación do Goberno

PONTEVEDRA:20:00h Manifestación dende a Praza do Hospital

VIGO: 20:00h Manifestación dende a Praza dos Cabalos

Consulta todas as mobilizacións convocadas polo feminismo galego nesta ligazón: http://galegas8m.gal/convocatorias/8m-2019/

Volver