• Nova

A CIG chama a rexeitar na rúa unha nova reforma do sistema público de pensións que non garante o poder adquisitivo

Denuncia a “trampa” de revalorizar as contías segundo o IPC medio e non o acumulado, o que provoca unha perda do 4% en 2021
Nacional - 24 Xan 2022

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG vén de convocar mobilizacións nas sete cidades galegas este xoves 27 de xaneiro para rexeitar unha nova reforma do sistema público de pensións que non garante o poder adquisitivo. Dende a central denuncian a “trampa” que supón revalorizar as contías tendo en conta o IPC medio e non o acumulado, o que provoca unha perda do 4% en 2021 dado que a lei non recolle a “paguiña” compensatoria.

Na CIG fan fincapé en que as persoas pensionistas foron mantendo o seu poder adquisitivo entre 2018 e 2021 grazas á mobilización social. As pensións aumentaban en xaneiro, de acordo coa previsión de IPC do Goberno central, e a principios do ano seguinte recuperábase a desviación entre o IPC previsto e o do mes de novembro mediante unha “paguiña”, que ademais se incluía na base das pensións. “Este sistema permitía resistir a inflación”, salientan. 

As protestas terán lugar nas sete cidades galegas ás 11:00 horas

Agora a nova lei do Goberno PSOE e Unidas Podemos preséntase como continuadora do sistema, “mais ten trampa”. Xa que o índice para a revalorización xa non vai ser o IPC interanual acumulado (6,5% en 2021), senón o “IPC medio” (2,5% en 2021). Como consecuencia deste “truco”, as pensións de 2021 perderán un poder adquisitivo do 4% (6,5%-2,5%), dado que a lei non recolle a “paguiña” compensatoria. E a partir de 2022 aplicarase o IPC medio, “de modo que a perda de poder adquisitivo pode cronificarse, porque a revisión das posíbeis desviacións do IPC só vai facerse cada cinco anos (non anualmente) e non é obrigatoria”.

Diante disto, a CIG fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas este xoves 27 de xaneiro nas sete cidades galegas para rexeitar esta nova reforma e reclamar un sistema público de pensións cunhas contías dignas.

LUGARES E HORARIOS DAS MOBILIZACIÓNS

-Vigo: no farol de Urzáiz ás 11:00 horas.

-A Coruña: na Subdelegación do Goberno ás 11:00 horas.

-Pontevedra: na Praza da Peregrina ás 11:00 horas.

-Ferrol: diante do INSS ás 11:00 horas.

-Santiago: na Praza do Toural ás 11:00 horas.

-Lugo: no Edificio Multiusos ás 11:00 horas.

-Ourense: diante do INSS ás 11:00 horas.