A CIG convoca unha nova xornada de folga en Extel o 5 de febreiro contra a persecución por enfermar

Haberá concentración ás 12h diante da empresa

A Coruña -

A sección sindical da CIG en Extel, dentro do calendario acordado, ten convocada unha nova xornada de folga de 24 horas para o mércores 5 de febreiro en resposta ao ataque iniciado pola empresa contra o dereito á saúde dos traballadores e das traballadoras. Con motivo do paro, a central convoca tamén unha concentración ás 12:00 horas diante das oficinas de Extel no Edificio Proa (rúa Enrique Mariñas, Matogrande).

Advirten que CIG seguirá mobilizándose até "que a empresa ceda ou haxa unha sentenza xudicial" porque "non podemos consentir que nos despidan por estar enfermas e enfermos e que non se validen agora, por unha decisión unilateral, os xustificantes médicos que si serviron durante máis de 20 anos".

Neste senso, subliñan que os datos de participación da anterior folga "falan con rotundidade: as traballadoras e traballadores de Extel na Coruña estamos decididas/os a seguir loitando para defender os dereitos conquistados". Por iso, animan a todas compañeiras e compañeiros a secundar masivamente a folga do mércores 5 e a dar unha nova mostra de forza, máis tendo en conta que ao día seguinte, o xoves 6 de febreiro, está prevista unha reunión coa nova propietaria de Extel Contac Center, a compañía Analytics Business Solution (ABS).

Entre outras problemáticas, nesa xuntanza, a sección sindical da CIG esixiralle á empresa que atenda as reivindicacións sociais a respecto do cambio de criterio nas horas médicas e nos partes de repouso e que se proceda á reincorporación das compañeiras e compañeiros "despedidos inxustamente por enfermar".

Estratexia para xustificar despedimentos

Alén do prexuízo económico que implica que agora o persoal se vexa obrigado a coller unha baixa aínda que sexa dun só día, para a representación da CIG o máis grave é que a empresa pretende empregar esta estratexia para xustificar despedimentos en base a un suposto absentismo, acolléndose ao artigo 52d do ET.

Para as delegadas e delegados da CIG, o obxectivo final da empresa non é outro que "aplicar un ERE encuberto a baixo custe", aproveitando que a reforma laboral do PP facilitou os despedimentos obxectivos por baixas laborais de curta duración, aínda que estean debidamente xustificadas, e polo tanto coa indemnización mínima. De aí que demanden a derrogación íntegra e urxente das reformas laborais para cortar de raíz este tipo de abusos patronais e poder avanzar na mellora das nosas condicións laborais e salariais.

Volver