A CIG convoca unha nova xornada de folga nos centros de chamadas en Galiza en demanda dun convenio digno

Tamén haberá concentracións na Coruña, Vigo e A Estrada
Nacional - 12 Set 2022

Tras a parada do verán, este martes retómanse as negociacións do convenio colectivo estatal dos centros de chamadas. Unha negociación que leva aberta máis de dous anos e medio, sen que até o momento se produciran avances por parte da patronal que permitan chegar a un acordo. Ao contrario, a patronal insiste en reducir dereitos xa consolidados e perpetuar a precariedade laboral e salarial que sofren as traballadoras e traballadores.

Ante este bloqueo, a CIG ten convocada para mañá, martes 13 de setembro, unha nova xornada de folga no sector en Galiza (a quinta no que vai de ano), coincidindo coa xuntanza da mesa de negociación en Madrid. Ademais, a central sindical vai realizar as seguintes concentracións:

  • A Coruña, ás 11:30 no Obelisco
  • Vigo, ás 11:30 na Farola de Urzáiz.
  • A Estrada, ás 12 diante do Centro Integrado de Emerxencias (rúa da Cultura s/n)

A representación da CIG no sector chama a todo o persoal a secundar a folga e dar unha resposta contundente "porque só a través da mobilización conseguiremos un convenio que dignifique as nosas condicións de traballo e os nosos salarios e que se recoñeza, por fin, a nosa profesionalidade".