A CIG convoca unha mobilización este venres día 20 para denunciar a desprotección dunha traballadora do Concello das Neves vítima de acoso sexual, tal e como recoñeceu a propia Inspección de Traballo nunha resolución recente. A concentración en apoia da afectada, que foi contratada a través dun programa de emprego para vítimas de violencia de xénero, terá lugar diante do consistorio ás 12:00 horas e fai parte da campaña da central con motivo do 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.
O informe, emitido tras unha denuncia da CIG, da autoridade laboral acredita que a empregada padeceu acoso sexual no seu posto de traballo e constata os incumprimentos do Concello na súa protección, ao tempo que recoñece as vítimas de violencia de xénero como traballadoras especialmente sensíbeis aos riscos laborais.
Unha resolución da Inspección de Traballo acredita que a empregada padeceu acoso sexual no seu posto de traballo e constata os incumprimentos do Concello na súa protección
Dende a central sindical esíxenlle responsabilidades tanto ao autor do acoso como ao alcalde e xefe de persoal, José Manuel Alfonso, pola condición do Concello como empregador. A Inspección sinala que a xefatura de persoal minimizou o risco, que a traballadora non recibiu formación nin información preventiva e que non existía un protocolo fronte ao acoso cando sucederon os feitos. Ademais, a investigación municipal foille encomendada a unha comisión sen formación en igualdade e violencia contra as mulleres. Ante este realidade, a autoridade laboral recolle propostas de sanción polos graves incumprimentos.
Na actualidade, o traballador autor do acoso sexual continúa ocupando o seu posto de traballo sen que se lle aplicase ningunha medida disciplinaria pola súa conduta, malia que os feitos están máis que acreditados.
Ao mesmo tempo, a resolución da Inspección establece que a condición de vítima de violencia de xénero, coñecida polo Concello, debía activar a protección prevista no artigo 25 da Lei de prevención de riscos laborais para as persoas especialmente sensíbeis. Esta circunstancia tiña que terse en conta na avaliación dos riscos e na organización do traballo, prestando especial atención aos riscos psicosociais. “Lonxe de facer isto, a entidade municipal desprotexeu a vítima en todo momento, incluso despois de ter denunciado o acoso sexual”, censuran dende a CIG.
En consecuencia, a central sindical reclama que empresas e administracións garantan esa protección mediante avaliacións específicas, adaptación das condicións de traballo, formación preventiva e vixilancia da saúde axeitada. Esixe tamén confidencialidade, protocolos coñecidos polo persoal, atención ás denuncias por persoas formadas e medidas inmediatas para evitar a exposición ao acoso e as represalias.
Sen garantías de protección
Finalmente, na CIG fan fincapé en que o acontecido no Concello das Neves non se trata dun caso illado. “É especialmente rechamante o feito de que no sector dos coidados, ao que durante anos se incorporaron numerosas mulleres mediante itinerarios de inserción social para vítimas de violencia de xénero, segan sen aplicarse hoxe en día as mínimas garantías de protección para estas traballadoras”. Polo que insta a revisar de xeito urxente as condicións destes empregos e que as administracións responsábeis dos programas comproben o cumprimento das obrigas preventivas.
Por todo isto, dende a central sindical chaman a participar na mobilización convocada diante do consistorio das Neves este venres día 20 ás 12:00 horas en solidariedade coa traballadora agredida e para esixir responsabilidades e a adopción de medidas urxentes de protección fronte á violencia contra as mulleres. Reivindicacións que un ano máis fan parte da campaña da CIG con motivo do 25 de Novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.