A CIG convoca unha protesta pola perda de traballo e o risco de peche de Naturgy en Teleperformance da Coruña

Desenvolverá unha concentración nas instalacións da empresa este mércores 26 de 12:00 a 13:00 horas

A Coruña -

A CIG, que leva anos mobilizándose en solitario contra a precariedade e os despedimentos en Teleperformance, convoca unha nova protesta para denunciar a perda de volume da traballo e o risco de peche dos servizos de Naturgy na delegación da Coruña. A sección sindical desenvolverá unha concentración diante das instalacións de Teleperformance (rúa Newton, 5) este mércores 26 de xuño entre as 12:00 e as 13:00 horas.

Dende a central explican que a dirección da empresa do sector dos centros de chamadas, ademais de non respectar os acordos suscritos no AGA tras as mobilizacións dos últimos meses, vén de anunciar unha baixada de volume de traballo nunha das campañas da delegación da Coruña, en concreto a que atende o mercado regulado da comercializadora eléctrica Naturgy (antiga Gas Natural Unión Fenosa).

Lembran que esta campaña ocupa actualmente a unhas 100 persoas, e segundo comunicou a propia empresa está a valorar recolocar noutras campañas da delegación a unhas 20 persoas. “Esta cantidade, á vista dos movementos realizados soamente ao longo desta semana, está máis que superada cando só en formacións previstas xa van máis de 40 persoas”, indican.

Diante disto, consideran que todos estes movementos suporán a saída de traballadores/as con contratos temporais para poder recolocar o persoal indefinido, así como modificacións das súas condicións laborais.

Segundo a información á que tivo acceso a sección sindical, a empresa IBM logrou a licitación para “asumir funciones como la gestión de redes, centros de datos, administración general y atención al cliente.”

Política de aforro e deslocalización

En consecuencia, na CIG temen que aconteza o sucedido en 2013 cando Gas Natural pechou o servizo da comercializadora de mercado libre de Gas Natural Fenosa, polo que se viron ameazados máis de 100 postos de traballo; naquela ocasión, mediante a mobilización e a presión social, o cadro de persoal foi quen de reducir o impacto final a 42 empregos.

Denuncian que as políticas de aforro de custes a costa dos traballadores/as, a deslocalización que leva os postos de traballo non só fora de Galiza senón tamén do Estado español -como neste caso a Colombia- e o feito de que a Gas Natural no lle importa eliminar empregos no noso país -“onde naceu a compañía Unión Fenosa e onde explotan os nosos recursos”- están a provocar un aumento da precarización e da destrución de emprego, ademais da perda da atención en galego e do trasvase de datos tanto persoais como bancarios susceptíbeis de LOPD fóra do Estado, “con todos os riscos que isto supón”.

Polo tanto, a CIG decidiu convocar mobilizacións para socializar o conflito e as consecuencias que pode ter tanto para os traballadores/as como para o conxunto da sociedade galega. “Reclamamos emprego digno na nosa terra, non aceptamos a precarización laboral nin moito menos que se leven o traballo fóra”, sosteñen.

Intenso calendario de mobilizacións

Teleperformance España SAU é unha transnacional que presta servizos de outsourcing (telemárketing) e que conta con máis de 900 traballadores/as na súa delegación de A Coruña. No último ano a empresa tense sentado coa representación legal dos traballadores/as (RLT) a negociar no seo dun AGA a raíz da convocatoria dun intenso calendario de concentracións e de folgas:

14/12/18: Concentración convocada de maneira unitaria pola CIG polo despedimento por non pasar período de proba de 40 persoas, a quen a dirección comunicou o seu cese menos dunha semana despois de seren contratados/as e tras pasar un proceso de formación non retribuído de cinco semanas.

25/01/19: Folga dunha hora por quenda de traballo (12:00-13:00 e 17:00-18:00) convocada de maneira unitaria pola CIG polos seguintes motivos:

-Disparidade de criterios á hora de establecer a regularidade ou irregularidade das xornadas.

-Abuso da contratación eventual e precaria.

-Denegación das reducións de xornada de concrecións horarias.

-Plans de incentivos inalcanzábeis.

-Presións constantes nas campañas.

-Incidencias reiteradas nas nóminas.

-Falta de control e transparencia ante os cambios constantes do persoal

entre campañas, en determinados casos con perdas de categorías.

11/03/19: Folga dunha hora por quenda en base aos mesmos motivos que causaron a anterior convocatoria, secundada pola totalidade dos sindicatos presentes no comité de empresa.

08/04/19: Convocatoria de folga dunha hora por quenda en base aos mesmos motivos que causaron a anterior convocatoria, secundada tamén pola totalidade dos sindicatos do comité de empresa. Ábrese a porta a unha negociación no seo do AGA para resolver o conflito. Finalmente desconvócase a folga pola aceptación da empresa de acudir a negociar ao AGA.

25/04/19: Comeza a negociación no AGA.

27/05/19: Péchase o procedemento do AGA, chegando a acordo en varias cuestións pero non noutras.

Segundo critican dende a sección sindical da CIG, as negociacións no AGA non se traduciron a día de hoxe nun cambio de actitude e de funcionamento por parte da empresa, “que continúa amosando a mesma opacidade e falta de transparencia da que vén facendo gala”. De feito, denuncian que a dirección non está a respectar os acordos subscritos, “nin moito menos se nos traslada a información necesaria para facer un seguimento dos mesmos”, polo que agora optan por retomar as mobilizacións.

Volver