A CIG convoca unha xornada de folga nos Centros de Chamadas para o vindeiro 5 de abril

Convoca para ese día, ás 12:00 horas, unha manifestación en Vigo e concentracións na Coruña e en Ourense

Compostela -

Logo das concentracións e paros realizados o 2 de abril en todo o país, a CIG, primeira forza no sector dos centros de chamadas en Galiza, dá un paso máis no conflito 450 días despois do vencemento do Convenio, coa convocatoria dunha xornada de folga e mobilizacións, coincidindo coa mesma, en Vigo, A Coruña e Ourense.

A negociación do Convenio Colectivo Estatal de Contact Center (centros de chamadas) está bloqueada. O convenio venceu en decembro de 2014 e despois de 15 meses dende o inicio da negociación non houbo un só avance. Polo momento, o sindicalismo centralista, que defende o actual marco estatal de negociación, continúa sen mobilizarse.  Mentres a situación que viven as teleoperadoras e teleoperadores continúa empeorando.

Polo baixo nivel de ingresos, agravado polos contratos a tempo parcial, estamos a falar do que a UE cualifica coma “traballadora/traballador pobre”, o que dificultan  aceso a dereitos básicos coma a vivenda. O persoal que non ten dereito a caer enfermo (moitas veces incluso debido ás condicións de  traballo), os despedimentos por estar de baixa son habituais. Os horarios e quendas, sometidos a cambios arbitrarios, dificultan a conciliación da vida persoal e laboral. Malia tratarse de grandes empresas moi feminizadas ningunha conta con servizos de garderías. Os malos modos por parte de mandos incapaces e escasamente formados, e as descualificacións e incluso insultos, son habituais.

Fronte a esta situación de precariedade, as grandes empresas e  multinacionais que subcontratan a través deste sector numerosos servizos, presentan beneficios multimillonarios e as empresas de telemárketing incrementan a facturación e os beneficios e deslocalizan gran parte do emprego a terceiros países. Non é un sector en crise, todo o contrario.

Ante esta situación, a CIG ten un calendario de mobilizacións e o vindeiro 5 de abril terá lugar unha folga de 24 horas. Coincidindo coa mesma, está convocada unha manifestación en Vigo que partirá ás 12:00 horas de Unísono na Gran Vía 110, para rematar en Bosch na rúa María Berdiales 20. Na Coruña está convocada unha concentración ás 12:00 diante da Delegación do Goberno e en ourense esta convocada concentración no parque tecnolóxico das 14:00 as 15:00

Volver