A CIG convoca unha xornada de mobilizacións en 18 localidades por unha saída galega xusta da crise

As marchas e concentracións terán lugar o domingo 7 de febreiro

Nacional -

Dentro da campaña por unha saída galega xusta da crise que a CIG está a desenvolver dende o mes de outubro, a central nacionalista ten convocada unha xornada de mobilizacións para o domingo 7 de febreiro para esixir políticas que permitan encetar unha auténtica recuperación económica e social e camiñar cara a unha situación de emprego, salarios, pensións e condicións de traballo dignas na Galiza. Unha recuperación que non será posíbel sen a derrogación total das reformas laborais de 2010 e 2012 e das reformas das pensións de 2011 e 2013.

As mobilizacións terán carácter expansivo e desenvolveranse en 18 localidades garantíndose en todo momento as medidas de seguridade.

HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS:

- A Coruña: ás 11:30h, marchas con saída dende a Casa do Mar, a Torre de Hércules, o Pazo da Ópera e a Praza de Portugal até a Praza de María Pita.

- Compostela: ás 11:30h, marchas dende o Hotel Peregrino, a rotonda de San Caetano e a rotonda do Restollal até a Praza da Quintana.

- Ferrol: ás 11:30h, marcha con saída dende a Praza Vella até a Praza Amada García (Edificio da Xunta).

- Lugo: ás 11:30h, marchas dende o Parque Frigsa e o edificio do INSS (avda. de Madrid) até á Praza Maior.                

- Ourense: ás 11:30h, marchas con saída dende a estación de RENFE, a rotonda de Mariñamansa/Paco Paz e o estadio do Couto até a Praza Maior.          

- Pontevedra: ás 11:30h, con saídas desde o Hospital Provincial (rúa Loureiro Crespo) e desde a rotonda de San Roque -Alameda.

- Vigo: ás 11:30h, marchas dende a Dobrada e da praza do Concello até o farol de Urzáiz.

- A Guarda: ás 11:30h, concentración na Praza do Reloxo.

- As Pontes: ás 12:00h, concentración no edificio do INEM

- Boiro: ás 12:00h, na Praza do Concello.

- Cangas: ás 11:30h, concentración na Praza do Concello.

- Cee: ás 12:00h, concentración na Praza do Concello.

- Lalín: ás 11:30h, concentración na Praza da Torre.

- Porriño: ás 11:30h, concentración na Praza do Concello.

- Redondela: ás 11:30h, concentración na Praza do Concello.

- Ribadeo: ás 12:00h, concentración na Oficina de Emprego.       

-Verín: ás 12:00h, concentración na Praza do Concello.                 

- Vilagarcía: ás 11:30h, con saídas desde rotonda Ramal e desde rotonda Piñeiriño.

Outras políticas para garantir a recuperación económica, a industrialización e creación de emprego digno

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que as medidas que se están a adoptar polos Gobernos español e galego son insuficientes ou inexistentes para dar unha resposta xusta á crise derivada da pandemia (que en Galiza afrontamos cando aínda non saímos da anterior crise económica) e "lévannos a unha maior precariedade, máis desigualdade social e máis pobreza porque o capitalismo aposta por salvar a economía en vez de protexer as persoas".

Fronte a aplicación das mesmas receitas de sempre e para evitar que esta crise constitúa un novo saqueo ao pobo traballador, a CIG esixe un plan de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno e con este obxectivo elaborou amplísima batería de medidas que xa foron remitidas aos Gobernos español e galego, aos partidos políticos e ás asociacións patronais.

Derrogación das reformas laborais e das pensións

A este respecto, Carril salienta que para iniciar a recuperación dos dereitos laborais e sociais, hai que comezar pola derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións implantadas dende 2010, e pór en marcha unha nova lexislación laboral e social "que restitúa os dereitos roubados e recoñeza novos dereitos ante as novas formas de explotación laboral".

Neste camiño, Carril reclama a fixación por lei do SMI no 60% do salario medio, tal e como marca a Carta Social Europea, a supresión do IPREM e o establecemento dunha renda de inserción laboral e social, na contía do SMI; así como establecer por lei unha pensión mínima igual ao SMI e a súa revalorización anual co IPC real.

Xunto a isto, que se prohiba por lei a aplicación de ERE, ERTE, modificacións de condicións etc. sen previa autorización administrativa e acordo co persoal; e eliminar as ETT, as empresas multiservizos, a figura de “falsos/as autónomos/as” e a subcontratación en cadea. De igual xeito, a CIG insta a que se desenvolva dunha vez o Marco Galego de Relacións Laborais.

Papel fundamental das administracións na dinamización económica

Ante a conxuntura actual, o secretario xeral da CIG destaca que as administracións teñen que ter un papel fundamental na dinamización económica, polo que demanda a intervención pública no sistema financeiro, coa xestión directa dos fondos europeos, a formalización dun concerto económico co Estado, a creación dun Banco Público Galego, a participación da Xunta en proxectos empresariais chave ou a nacionalización de empresas como Alcoa ou Alú Ibérica.

Da mesma maneira, cómpre encetar unha transición enerxética galega e xusta, poñendo en marcha unha Estratexia de Transición Xusta e medidas como a Tarifa Eléctrica Galega. E aplicar unha fiscalidade progresiva e xusta e aumentar o investimento en I+d+I.

Para o secretario xeral da CIG hai que reforzar os sectores estratéxicos (como o agrario, pesqueiro e da industria conserveira, forestal, naval, comercio e turismo), e pór en marcha un plan de desenvolvemento industrial de apoio e protección a estes sectores, con medidas que permitan o seu avance e modernización dun xeito sustentábel e que favoreza a creación de emprego e o fin da precariedade e a emigración.

Reforzar os servizos públicos, plan de conciliación e un sistema de atención ás persoas

Canda estas medidas, a CIG demanda un reforzo dos servizos públicos, eliminando a taxa de reposición, e retornando ao público aqueles servizos privatizados, volvendo á xestión directa da sanidade, e fortalecer o ensino público, incrementando os cadros de persoal en ambos casos.

Tamén a posta en marcha dun Plan de Conciliación con dereitos para as necesidades de coidados xeradas pola pandemia e a creación dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas, que integre residencias, centros de día, centros de atención á diversidade... incorporando á rede pública os SAF e dignificando as condicións do persoal.

Volver