A CIG convocará folga se a patronal das conservas non remata coa discriminación salarial das mulleres

O empresariado insiste en ampliar a xornada de luns a domingo e en aumentala 40 horas anuais

O Salnés -

A CIG convocará mobilizacións e mesmo unha folga se a patronal das conservas de peixe non remata coa discriminación salarial das mulleres, o que pasaría por equiparar os soldos das categorías de produción e oficios varios. Ademais, o empresariado insiste en ampliar a xornada de luns a domingo, en aumentar 40 horas de traballo anuais e en aplicar unha suba de salario insuficiente.

Así o anunciaron hoxe Rosa Abuín e Mar Vila, da FGAMT-CIG do Salnés, que compareceron en rolda de prensa xunto a delegados/as da central sindical no sector para informar das últimas reunións de negociación do convenio colectivo estatal, que tiveron lugar este martes 19 e o mércores 20 en Santiago. 

A central reclama a equiparación salarial entre os grupos de produción (feminizado) e oficios varios (masculinizado)

Foi a primeira vez que estas xuntanzas se celebraron en Galiza, despois de que a CIG o reivindicase na mesa de negociación pola necesidade de achegar a negociación colectiva a onde se atopa o 80% da produción e do persoal, que é no noso país.

Abuín explicou que as posturas polo de agora están moi lonxe de achegarse, porque hai moitas diferencias entre as propostas da CIG e as da patronal. “O que si logramos, coa nosa participación activa na mesa, foi desbloquear as conversas, que se atopaban nunha dinámica paralizadora”. Neste senso, lembrou que levaban sete meses intentando negociar o convenio, “pero non sabemos por estratexia de quen, non daba arrincado”.

Ao mesmo tempo, sinalou que unha das principais reclamacións da CIG para un sector no que o 80% do persoal son mulleres é rematar coa discriminación salarial indirecta e encuberta entre os grupos de produción (feminizado) e oficios varios (masculinizado), “polo que non imos asinar ningún convenio que non remate coa brecha salarial, xa que é unha reivindicación histórica”.

Hai outra cuestión que separa a central sindical do empresariado, e que é unha reclamación das persoas afiliadas da CIG que traballan no sector e dos seus representantes sindicais, “e nós somos unha organización asemblearia”. En concreto, ten que ver coa intención da patronal de ampliar a xornada de luns a domingo e aumentar 40 horas máis ao ano.

“E como somos un sindicato asembleario as persoas que participamos na negociación non temos a última palabra, senón que a teñen as traballadoras/es afectadas/os polo convenio, imos convocar unha asemblea de delegadas/os e imos informar do contido das conversas en todas as empresas do sector. Entendemos que de continuar por esta vía imos ter que convocar mobilizacións, sen descartar unha folga”.

Por iso a CIG acudirá ás próximas xuntanzas que terán lugar os vindeiros días 10 e 11 de novembro en Madrid “cunha proposta clara que recolla os elementos fundamentais, e non caso de non terse en conta proporemos a convocatoria de protestas”. Para iso informarán aos cadros de persoal a partir do luns “para que fagan as súas achegas e se impliquen no convenio”.

Propostas aceptadas

En canto ás propostas aceptadas pola patronal, Abuín citou outra das reivindicacións da CIG: a eliminación do límite dunha hora nos accidentes in itinere, pasando a considerarse o tempo total que se empregue en ir e volver do lugar de traballo.

“Ten importancia no contexto actual de peche e deslocalización de empresas, porque moitas/os traballadoras/es teñen que desprazarse a outras localidades para acudir ao seu posto”. Outra reivindicación da central que foi aceptada que se aceptou é que os recoñecementos médicos serán realizados dentro da xornada laboral. Ademais, incluirase unha nova disposición adicional no referido aos plans de igualdade e o acoso sexual e laboral serán considerados como falta moi grave.

Mais a respecto do incremento de soldos a diferenza “é abismal”. Abuín quere deixar moi claro que a CIG “non vai aceptar unha a perda de poder adquisitivo”, por iso non negociará unha actualización por debaixo do IPC. A patronal propón unha suba do 2% en catro anos sen revisión salarial, “cando o IPC xa supera o 4%”.

Volver