A CIG convocará protestas contra a campaña de acoso ao persoal de Alten que traballa para BorgWarner
A federación de Banca da CIG vén de anunciar a posta en marcha dunha campaña de mobilizacións ante a campaña de acoso e coaccións que está a sufrir o cadro de persoal de Alten Soluciones, subcontrata que presta servizos para BorgWarner nas instalacións da Zona Franca en Porto do Molle (Nigrán).
O conflito remóntase a novembro de 2024, cando unha resolución da Inspección de Traballo ditaminou que existía cesión ilegal deste persoal por parte de Alten a Borgwarner. Ao mes seguinte iniciouse o proceso de reclamacións xudiciais contra esta cesión ilegal, e en febreiro do ano pasado desenvolveuse unha concentración diante das instalacións da compañía para denunciar a situación.
Agora, cando se aproxima a celebración dos primeiros xuízos, a dirección de Alten comeza a meter presión ao cadro de persoal para que retiren as demandas presentadas. A semana pasada estas persoas traballadoras recibiron a visita dos responsábeis de Alten, que viñeron desde Madrid para manter xuntanzas individuais. Nelas advertíronlles que senón retiraban as demandas serían despedidas, ao tempo que lles instaron a negociar unhas condicións salariais e de traballo para poder seguir en Alten, todo isto mediante escritos individuais.
Nestas medidas de presión participou tamén a dirección de BorgWarner, ofrecéndolle a un traballador propio pasar a formar parte do cadro de persoal de Alten en febreiro como próximo supervisor do equipo do que fan parte as persoas traballadoras que están a ser presionadas.
Ante esta chantaxe, tres persoas trasladaron verbalmente durante as reunións que non ían retirar as demandas contra Alten e BorgWarner porque tiñan o dereito legal a pedir o ingreso en BorgWarner amparándose na normativa laboral e na resolución administrativa da Inspección.
Despidos inmediatos
A decisión de Alten foi comunicarlles inmediatamente o despido, dándolle ao resto do persoal un prazo límite -que expirou onte 5 de febreiro- para reconsiderar a proposta de negociar coa obriga de retirar as demandas xudiciais. Do contrario serían despedidos, porque Alten rescindiría o contrato que ten vixente con BorgWarner para os vindeiros tres anos.
En resposta a esta medida de presión as persoas traballadoras decidiron enviar un escrito conxunto rexeitando o inicio de calquera tipo de negociación ou diálogo mentres non se readmita as compañeiras despedidas.
Diante desta manobra da empresa, dende a CIG-Banca queren deixar moi claro que non van consentir que se vulnere a liberdade das persoas traballadoras no exercicio dos dereitos que lles confire a lexislación, “polo que iniciaremos todas as medidas ao noso alcance na defensa dos dereitos do cadro de persoal de Alten”.