A CIG-Correos denuncia o desmantelamento progresivo do servizo en Ourense

Nos últimos 10 anos desapareceron máis de 200 postos de traballo

Ourense -

Dende o sector de Correos da CIG-Administración de Ourense denuncian o desmantelamento progresivo do servizo postal desta provincia, “que se está a producir e a incrementar de xeito significativo dun tempo a esta parte”. De feito, nos últimos anos desapareceron máis de 200 postos de traballo na provincia.

Mediante un comunicado feito público hoxe queren trasladar a problemática que afecta a Correos no conxunto do país “mediante unha transposición á provincia de Ourense, á cabeza en todas as medicións pero pola cola”. Sosteñen que as cifras dos últimos anos non enganan: o número de efectivos activos medios de Correos descenderon dos 67.661 do ano 2008 aos 50.153 do ano 2015, o que supón case 18.000 menos. No resto do Estado o descenso medio do cadro de persoal foi dun 25.87 %, pero na provincia de Ourense atinxiu o 35.59 %. 

Correos perdeu en Galiza preto de 18000 empregos nos últimos anos

Neste senso, sinalan catro grandes problemas que ao seu entender afectan o servizo de Correos estatal, pero de xeito máis intenso a Ourense. O primeiro é a elevadísima taxa de eventualidade, que se achega ao 40 %, moi por enriba da media das demais administracións e empresas públicas. O segundo é a enorme proporción de precariedade, “os famosos minijobs”, que se sitúan sobre o 25% do cadro de persoal.

O terceiro problema prodúcese nas áreas de reparto, coa obriga de asumir parte da carga de traballo dos repartidores/as colindantes cando estes/as faltan, “conocida como recargo no argot postal, que acadou o 20 % este verán, nomeadamente na U.R. 2 de Ourense, a de maior entidade da provincia”. Finalmente, o mes pasado a CIG presentou preto de 1000 firmas de todos os Enlaces Rurais de Galiza demandando a actualización do prezo por quilómetro que perciben por aportar os seus vehículos para o reparto no rural, cantidade conxelada dende hai nove anos.

Segundo critican, ao longo dos últimos 20 anos Correos, a maior empresa pública do Estado, foi dando pasos cara a súa privatización, pasando de Secretaría Xeral a Organismo Autónomo: logo a Ente Público Empresarial; e finalmente a Sociedade Anónima Estatal, a día de hoxe aínda 100% adscrita á SEPI polo momento, “como antesala da súa privatización”.

“Correos, da man da maioría sindical firmante -CCOO, UGT. e CSI-CSIF-, conseguiu nestas décadas que o emprego de calidade fose substituído por emprego máis precario”. Os funcionarios/as foron desaparecendo dende o 2002 (de 42.000 aos pouco máis de 9000 actuais). As sucesivas ofertas de emprego foron de persoal laboral fixo. 

Nos últimos 20 anos foi dando pasos cara a súa privatización

Iso sí, tanto nas Ofertas Públicas de Emprego (OPE) -consolidacións de emprego estrutural (por exemplo, como as famosas 4055 prazas a cubrir o vindeiro día 19 de xaneiro)- como nas bolsas de emprego que cubren necesidades eventuais, Correos foi apostando cada vez máis por empregos non só eventuais senón a tempo parcial.

Critican que ese modelo, “o dos famosos minijobs”, sexa o emprego do presente e do futuro en Correos. “Xornadas de menos de cinco horas, por debaixo do SMI e sen dereito nin a tomar café; son contratos para reforzar o reparto, pero tamén para a totalidade do persoal dedicado ao reparto de notificacións en quenda de tarde (en cumprimento da Lei 39/2015 do Procedimento Administrativo Común das Administracións Públicas, que traballa catro horas diarias entre dúas e cinco tardes á semana en todas as oficinas), que por desgraza tamén vén sendo a maioría do persoal de atención ao cliente.

É neste colectivo, “precisamente o que é a cara amábel e a voz do servizo público máis valorado polos cidadáns dende hai moitos anos”, no que a precariedade se intensificou máis. Se nos derradeiros 10 anos desapareceron 200 postos de traballo en Correos en Ourense, e a suma das tres OPE (consolidacións de emprego de carácter provinciais) é de 25 prazas na provincia, todas as de Atención ao Cliente -sete desas 25- son xornadas de catro horas diarias. Asimesmo para cubrir puntualmente necesidades eventuais de atención ó cliente, esa modalidade de contratación eventual, de catrohoras, é a máis frecuente.

Taxa de reposición moi insuficiente

A pesar de que Correos se gabe da taxa de reposición que supón a OPE de 4055 prazas, dende a CIG entenden que é moi insuficiente. “Pois vén sendo a suma das dúas derradeiras convocatorias, as pendentes de 2017 e 2018, e neses dous anos o total de xubilacións foi, segundo a SEPI, de 5024 persoas, polo que nin sequera se cubre o emprego que se destrúe”. Ao mesmo tempo, substitúese en moitos casos por empregos a tempo parcial.

Ourense é tamén das provincias onde menos proporción de emprego se cubre, senón a que máis, e resulta discriminada de novo con estas políticas de Consolidacións de Emprego Provinciais. “Dos 52259 efectivos activos medios do Estado a día de hoxe (habida conta do repunte da contratación por motivo da campaña de Nadal e máis do Black Friday ), na provincia de Ourense prestan os seus servizos un total de 461 efectivos, dos que un 30 % son funcionarios/as, e o resto son laborais”. 

Tamén se están a trasladar do noso país os centros de xestión do servizo

A proporción de empregados/as medios da provincia é de 1 de cada 113 do total do Estado. De xeito que por ratio de traballadores/as do Estado, habendo en Ourense 1 de cada 113 empregados/as do Estado, deberan corresponder 36 prazas a cubrir na provincia, pero só se cubren 13 (5 son de atención ó cliente a media xornada). É dicir, cóbrese 1 de cada 312 prazas, un terzo do que correspondería.

“Este é o motivo polo que moitos traballadores/as opositan a outras provincias con maior ratio de prazas; en Madrid, Barcelona, Araba ou Lleida aprobouse anos atrás con notas moito mais baixas; lóxico, en Ourense cobren un terzo da ratio que tocaría, noutras provincias por contra cobren o triplo do que correspondería”.

Segundo denuncian isto da lugar a que sexa máis complicado obter praza na provincia; a que a taxa de eventualidade sexa tan elevada (ao non consolidarse na mesma proporción que noutras provincias); e finalmente, cando rematan campañas de contratación como a actual, a que a figura do recargo e o estrés laboral sexan maiores que noutras provincias con menor eventualidade.

Finalmente, consideran que o golpe de graza que se lle dá ao servizo é que a sede da Dirección da Zona 1ª de Correos vai ser levada en breve tempo dende a súa ubicación actual en Santiago de Compostela a León. “Entendemos que isto é o derradeiro e definitivo ataque á estrutura de Correos de Galiza, co desmantelamento e mailo alonxamento das áreas de xestión e responsabilidade en Correos de Ourense e do conxunto do país”.

Volver