A CIG Correos leva á Inspección de Traballo a reestruturación da Unidade de Reparto 1 de Ferrol

A central critica que a empresa ocultou a documentación na que sustenta a redución do persoal
Ferrol - 05 Ago 2026

A CIG-Correos presentou escrito na Inspección de Traballo para que investigue a actuación da empresa postal no proceso de reestruturación da Unidade de Reparto 1 de Ferrol e requira o expediente completo do estudo no que se sustenta a redución de persoal. A central critica que Correos negou inicialmente a existencia deste recorte, chegando incluso a afirmar por escrito que "non houbo unha reestruturación nin un dimensionamento da unidade".

Porén, explica Román Pena, delegado sindical, a propia documentación elaborada por Correos desminte esa versión “ao recoñecer expresamente a existencia dun estudo de dimensionamento aprobado polo Centro Directivo, do que derivan a reorganización das seccións de reparto, a determinación do cadro de persoal necesario e a implantación dun novo modelo organizativo”.

A situación resulta aínda máis grave, sinala, porque Correos convocou á CIG a unha reunión para "escoitar, participar e debater" cando as decisións xa estaban tomadas. O propio día da xuntanza, a empresa comunicaba ao persoal o novo rueiro, abría o proceso de elección das novas zonas de reparto e fixaba como data de implantación o 23 de xullo, “demostrando que todo o proceso xa estaba decidido con anterioridade”.

Para a CIG-Correos, a empresa “pretendeu simular un proceso de información e participación, cando en realidade a reorganización xa estaba aprobada e en marcha”.

Mais a pesar das reiteradas solicitudes da central sindical, Correos continúa sen entregar o estudo de dimensionamento nin a documentación técnica que o sustenta, impedindo que a representación sindical poida analizar os criterios empregados, comprobar se as cargas de traballo son asumíbeis ou defender os dereitos das traballadoras e traballadores afectados, como recoñece o artigo 64 do Estatuto das persoas traballadoras.

Por iso, Pena considera que a capacidade organizativa da empresa “non pode converterse nun cheque en branco para actuar de costas á representación sindical, ocultando a documentación sobre a que se fundamentan decisións que afectan directamente á organización do traballo, ás cargas laborais e ás condicións de prestación do servizo”.

Por todo iso, a CIG solicítalle á Inspección de Traballo que investigue a actuación de Correos, requira o expediente completo do estudo para a redución do emprego e dimensionamento e determine se a empresa respectou os dereitos de información, consulta e participación recoñecidos pola lexislación laboral.

A representación da CIG reitera que “seguirá defendendo un modelo de Correos baseado na transparencia, no respecto aos dereitos das persoas traballadoras e na negociación real das decisións que afectan á organización do servizo público postal”.