• Nova

A CIG-Correos rexeita o posíbel traslado da unidade de servizos especiais da estación de tren de San Cristovo

Reclama o mantemento da unidade nas actuais instalacións por loxística e proximidade
A Coruña - 13 Xun 2022

A CIG-Correos da Coruña manifesta a súa oposición frontal a un posíbel traslado e desmantelamento da Unidade de Servizos Especiais (USE) que a empresa postal ten no pavillón da estación de ferrocarril. A USE é a unidade encargada do servizo de envíos urxentes, valixas e paquetería.

Os temores a que se produza este traslado suscítanse despois da visita a pasada semana do xefe de loxística e distribución de zona, J. Carlos Valderrey. "Temos que ter en conta, di Fernando Novás, delegado de CIG-Correos, que as instalacións que Correos ten na estación do ferrocarril de San Cristovo son propiedade da empresa estatal e gozan dunha magnífica situación dentro da cidade da Coruña, con peiraos para a descarga dos camións e zona de aparcamento dos vehículos de reparto".

Por esta razón, engade, "non ten sentido, nin por economía nin por loxística, formular un traslado dende o centro da cidade á periferia, ao polígono de Vío, no límite co veciño concello de Arteixo, e a unha nave por mercar e reformar ou construír. Non vemos vantaxes por ningunha parte, só apreciamos desvantaxes para os traballadores e traballadoras e para o servizo que se ofrece á cidadanía".

Novás advirte que atrás desta decisión podería estar o interese dos directivos de Correos "por desvalorizar a empresa e o servizo público que esta presta en beneficio das empresas do sector privado, que non alcanzan a facerlle sombra á calidade e proximidade coa cidadanía de calquera punto da nosa xeografía". Unha calidade que, salienta o delegado da CIG, que se mantén grazas ao esforzo e o empeño dos e das 50000 profesionais de Correos "a pesar, moitas veces, das operativas absurdas que a empresa estatal impón".

A CIG-Correos explica que parte do desmantelamento pódese advertir cando os envíos “burofax premiun” -que deben de ser distribuídos no mesmo día se se admiten antes das 13h-, son entregados a motoristas das unidades de reparto non urxente, que teñen que interromper o percorrido diario para volver á unidade de reparto a recoller o mencionado burofax e facer unha viaxe ex profeso para entregalo; causando un trastorno e atraso nos envíos dese día, que sufrirán os usuarios e usuarias. Por outra banda, apunta Novás, ese envío podería perfectamente ser dirixido á USE, "que é para o que se concibiu e que ten quenda de mañá e de tarde, incluílo no horario máis adecuado e cumprir o compromiso de entrega no mesmo día sen prexuízo de terceiras persoas".

A CIG-Correos manifesta que seguirá apoiando as traballadoras e traballadores da USE e defendendo por todos os medios ao seu alcance un servizo postal de calidade e proximidade á cidadanía da Coruña.