A CIG critica a parcialidade informativa do Concello de Ordes e que pretenda ocultar á maioría da representación do persoal laboral

Obvia o traballo dos/as delegados/as da central na consecución do acordo sobre trienios

Ordes -

O sindicato maioritario no comité de empresa do persoal laboral lémbralle ao Concello de Ordes que o acordo do pago de trienios asinouse baixo a pesidencia da CIG o pasado mes de outubro.  A central demanda da Administración local a ausencia de personalismos, un maior rigor informativo e destaca tamén a importancia no predominio da obxectividade, o respecto e a imparcialdade á hora de utilizar os medios de comunicación institucionais.

As delegadas e delegados da CIG  lamentan que na nota de prensa remitida polo Goberno municipal sobre o pleno ordinario no que se aproban inicialmente os orzamentos para este ano (celebrado o 26 de xuño), se ignore á representación maioritaria do persoal e só se faga referencia a unha parte dos membros do comité do persoal laboral cando se fala do acordo sobre cobro de cantidades por antigüidades, que ademais, sitúan de maneira intencionada nunha data errónea.

Denuncian este xeito de proceder do Concello “mencionando meritoriamente a quen en 2018 eran os integrantes do CSIF como as únicas persoas implicadas e responsábeis de que o persoal laboral do Concello de Ordes pase a cobrar os trienios, e evitando calquera tipo de mención á CIG que ten a representación maioritaria no comité de empresa do persoal laboral e ostenta a presidencia e a secretaría deste órgano. Unhas formas que evidencian a imparcialidade en materia sindial que debe ter calquera Administración Pública Local, ademais da ausencia total de rigor informativo”.

Un acordo acadado en outubro de 2019

Cómpre lembrar que foi na reunión mantida o 29 de outubro de 2019 entre o comité (2 membros do CSIF e 3 da CIG) e os representantes do Concello de Ordes cando se aprobou oficialmente “o recoñecemento e bonificación das antigüidades, estipuladas como trienios na proposta de convenio colectivo”.

Foi precisamente a CIG quen se encargou de aclarar ao tesoureiro do Concello as dúbidas sobre as táboas de equivalencia dos trienios e quen defendeu que o persoal laboral recibira as mesmas cantidades que as establecidas para o funcionariado. Así mesmo, que se aplicaran as subas dende a toma dese acordo, para o cal se decidiu tivese un carácter retroactivo con data 1 de xaneiro de 2020, “quedando supeditado á dotación de crédito na aprobación dos orzamentos municipais”.

Outras demandas laborais

Pero esta non foi o único punto defendido pola CIG en prol dos dereitos dos traballadores e traballadoras do Concello de Ordes. Os delegados e delegadas da CIG insitiron “na necesidade de aproveitar a normativa actual en canto a procesos de consolidación de emprego baixo a modalidade concurso oposición”, e iniciar este paso tal e como se recomenda dende a Unión Europea co fin de reducir a temporabilidade laboral, e tal e como se ven realizando por multitude de concellos.

Criticáronse especialmente aqueles casos nos que traballadores e traballadoras que permanecen nunha situación contractual de fraude de lei, dándose casos tan paradóxicos e inadmisibles como a vixencia  durante máis dunha década de contratos por obra e servizos, así como “as inxusticias en materia de retribucións percibidas en relación ás categorías ou funcións laborais”.

Outras cuestións demandadas foron a necesidade de modificar a RPT, así como a aprobación dun convenio laboral. En base a este último punto a CIG entregou con antelación unha proposta (26/9/2019) "sobre a que a día de hoxe aínda non recibiu resposta de ningún tipo, a pesar do compromiso por parte de representantes do Concello de revisala para a súa modificación ou posterior debate".

Por todo isto, dende a representación da CIG solicítase que, se tal e como se indica na nota de prensa emitida polo Concello, o acordo do pago de trienios ao persoal laboral se adquiriu a finais do ano 2018, "se aplique con carácter retroactivo o seu aboamento dende esa data e se demostre documentalmente o citado compromiso na data sinalada".

Maior rigor informativo

Tamén se lle demanda ao Goberno Local que, de cara a futuras comunicacións, "aplique un maior rigor informativo, o predominio da obxectividade e imparcialidade que merece a publicación de calquera tipo de información por parte dunha Administración Pública, e que se absteña de utilizar medios públicos para o servilismo de  intereses particulares por parte do Grupo de Goberno Local. Un tratamento partidista dos medios de comunicación institucionais que xa leva tempo sendo criticado abertamente por membros da oposición".

Volver