A CIG critica que CCOO e UGT renuncien a pelexar por un convenio digno para o sector de artes gráficas

Nacional - 05 Xun 2023

A CIG critica que, unha vez máis, CCOO e UGT renuncien a loitar para conseguir un convenio digno para o sector de artes gráficas, condenando a todos os traballadores e traballadoras a seguir tendo un dos peores convenios de todo o Estado. Despois de lanzar unha convocatoria de folga que, ao igual que ocorreu no ano 2015, foi unha simple manobra cosmética, as dúas centrais sindicais asinarán un convenio que non garante nin a recuperación do poder adquisitivo nin avanza nos dereitos laborais e sociais do persoal.

A CIG-Industria xa avanza que non vai ratificar este miserento preacordo acadado entre CCOO e UGT e a patronal FEIGRAF en Madrid, de costas a todo o persoal do sector, e escusándose no 'V acordo para o emprego e a negociación colectiva' asinado entre a patronal estatal e as cúpulas sindicais. 

Na mediación celebrada no SIMA despois de rachar a mesa de negociación, e sen materializar sequera a convocatoria dunha xornada de mobilización, estes sindicatos renunciaron a defender a plataforma social, asumindo uns incrementos salariais cativos que non cobren para nada a suba do custe da vida. Así, para 2023 aceptan unha suba do 4,75%, e do 3% para aos anos 2024 e 2025, cunha revisión salarial anual topada ao 1%.

Deste xeito, consolídase a perda salarial acumulada nos últimos anos debido ás cativas subas pactadas no anterior convenio e á elevada inflación (pois só entre 2021 e 2022 o IPC medrou un 12,2%), e non se garante o mantemento da capacidade adquisitiva ao non contar cunha cláusula de revisión conforme ao IPC real.

Pero ademais, CCOO e UGT asumen que os incrementos pactados sigan sendo compensábeis e absorvíbeis, que non se recoñeza o plus de turnicidade para o persoal do sector, que non se unifiquen os conceptos salario base e complemento lineal e que a xornada laboral anual só se vexa reducida en 8 horas.

Fronte a isto, a CIG-Industria reclamaba un incremento salarial  do7,5 % para o ano 2023 e 5 % para o ano 2024; a incorporación dunha cláusula de revisión salarial anual ao IPC real con atrasos e a eliminación da compensación e absorción; a creación de pluses que reflictan a realidade do sector como o plus de quenda, plus festivo, plus por traballo exclusivo en nocturno ou plus convenio; regular o valor mínimo das horas extraordinarias; ou mellorar as prestacións por IT.

Xunto a isto,  o estabelecemento da xornada de 32 h semanais; limitar a flexibilidade abusiva no sector; eliminar ou limitar a contratación por ETT e incorporar cláusulas que sirvan controlar a implantación das novas modalidades contractuais; evitar que se precarice o sector minimizando a contratación parcial tanto fixa como temporal, e mellorar nas modalidades formativas para evitar que estas se sigan a utilizar como 'man de obra barata'.

A CIG segue a reivindicar a necesidade dun convenio galega para o sector, que  garanta unhas condicións dignas e no que os traballadores e traballadoras teñan a capacidade de decidir e de incidir no que se negocia a través da organización e da mobilización.