A CIG cualifica de éxito a folga en Viaqua e advirte de que continuarán as protestas se non se desbloquea o convenio
A participación foi maioritaria nos principais centros de traballo e centos de persoas manifestáronse en Santiago para reclamar un convenio colectivo xusto
A CIG cualifica de "éxito" a xornada de folga convocada este martes nos centros de traballo de Veolia-Viaqua, empresa concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento de auga en preto de 50 concellos galegos, que presta servizo a unha poboación aproximada de 750.000 persoas. Coincidindo coa xornada de paro, centos de traballadoras e traballadores participaron nunha manifestación en Santiago de Compostela para reclamar o desbloqueo da negociación do convenio colectivo e unhas condicións laborais dignas.
O secretario nacional da CIG-Industria, Marcos Conde, valorou moi positivamente tanto o seguimento da folga como a resposta do persoal. "É un éxito porque é a primeira vez que o cadro de persoal responde de forma colectiva e sae á rúa para defender un convenio xusto. Pero tamén porque ao longo da manifestación puidemos comprobar a ilusión, a confianza e o convencemento das compañeiras e compañeiros de que, unha vez iniciado este camiño, non hai marcha atrás", afirmou.
Conde advertiu de que a mobilización continuará mentres a empresa non modifique a súa posición na negociación. "O obxectivo é conseguir que a empresa entenda que ten que mover posicións. E tamén existe o convencemento de que, se as propostas non son suficientes, o persoal non vai aceptar un acordo que non responda ás súas reivindicacións", asegurou.
En relación coa incidencia da folga, explicou que o seguimento foi desigual segundo os centros de traballo, debido á maior presión exercida pola empresa nas explotacións máis pequenas, aínda que destacou a elevada participación nas principais instalacións.
Nese sentido sinalou que "foi moi importante nas explotacións grandes, como Pontevedra, Compostela, Ourense ou a zona norte. En Pontevedra foi practicamente total e, en xeral, a participación superou as expectativas. Foi un éxito que nos sorprendeu moi positivamente e que serve para dar ánimo e forza ao persoal para continuar este proceso, aínda que prefeririamos non ter que recorrer á mobilización para conseguir un convenio xusto".
Incremento salarial, máis persoal e melloras en seguridade e saúde
Entre as principais reivindicacións do comité intercentros, a CIG sitúa en primeiro lugar a garantía do mantemento do poder adquisitivo mediante cláusulas de revisión salarial vinculadas ao IPC e a recuperación da capacidade de compra perdida nos últimos anos.
Xunto a isto, reclámase a mellora dos complementos relacionados coa penosidade, toxicidade e perigosidade do traballo, reforzar as medidas de seguridade e saúde laboral nunha actividade sometida de maneira habitual a riscos biolóxicos, traballos en espazos confinados e outras tarefas especialmente penosas, así como o recoñecemento destas condicións no convenio.
Outro dos aspectos que o sindicato considera prioritarios é o reforzo dos cadros de persoal. Segundo explicou Marcos Conde, a empresa non está a substituír as persoas que se xubilan nin tampouco as que permanecen de baixa, unha situación que, segundo denunciou a representación sindical nas reunións mantidas cos distintos concellos onde Veolia-Viaqua presta servizo, está a provocar unha importante sobrecarga de traballo, especialmente nas explotacións máis pequenas.
Por este motivo, o comité intercentros reclama un incremento dos cadros de persoal que permita garantir tanto unhas condicións laborais dignas como unha prestación axeitada dun servizo público esencial para a cidadanía.
O sindicato agarda que o amplo seguimento da folga e a elevada participación na manifestación sirvan para que a dirección de Veolia-Viaqua abandone a súa postura inmobilista e retome a negociación do convenio con propostas que dean resposta ás demandas do persoal.