Malia os abusivos servizos mínimos, as 5 xornadas de folga no Concello de Lugo contra a RPT foron un éxito

As organizacións convocantes estudan continuar coas mobilizacións durante o próximo mes

Lugo -

A representación da CIG no Concello de Lugo valorou de xeito moi positivo as cinco xornadas de folga desenvolvidas para esixir a retirada da nova Relación de Postos de Traballo e que se abra unha negociación coa participación de toda a representación sindical. A central destaca o altísimo seguimento do paro ao longo de toda esta semana que, malia os abusivos servizos mínimos impostos, superou de longo as expectativas das organizacións convocantes, o que demostra "o amplo rexeitamento que xera nos traballadores e traballadoras do Concello esta RPT".

Á vista do éxito das cinco xornada de folga, Fernando Fernández, voceiro da CIG no Concello de Lugo, adiantou que as centrais convocantes (Ágora, AFI-USO e CIG) valoran continuar coas mobilizacións á volta das festas do nadal. O masivo seguimento do paro deixouse notar en todos os departamentos pero con especial incidencia nas áreas de Economía, Actas, Cultura e Asesoría Xurídica.

Neste senso, Fernández cualificou de "sorprendente" e "frustrante" a postura mantida polo Goberno municipal nestas últimas semanas "que nin sequera se dignou a chamar ao comité de folga pata tentar abrir unha negociación que puideran evitar a folga. A actitude ditatorial deste Goberno resulta incríbel", sinalou.

Que se valore por igual a todo o persoal

A respecto das declaracións da alcalde sobre a necesidade de sacar adiante a RPT porque a policía local "esta mal pagada", Fernández apunta que, efectivamente, este colectivo ten uns salarios baixos con respecto a outros concellos de Galiza, pero esta situación é extensiva ao conxunto dos traballadores e traballadoras da administración lucense, "que no aspecto retributivo estamos á cola das sete grandes cidades de Galiza".

"O que non di a Sra. Alcaldesa é que despois desta RPT a policía local, igual que o colectivo de bombeiros/as, que se ven sen querer arrastrados por esta valoración, quedará como unha das policías locais mellor pagadas, cando non a mellor, de Galiza, mentres que o resto do persoal seguiremos á cola", asevera.

Neste senso, Fernández subliña que os sindicatos que rexeitan esta RPT non se opoñen á valoración que se fai dos postos de traballo da policía local, "nós o que reclamamos é que esta mesma valoración se faga para o resto das traballadoras e traballadores que conforman o cadro persoal deste Concello, algo que polo demais xa se dicía no informe da Xefa de Persoal".

Críticas á alcaldesa

O representante da CIG cualifica de "impresentábel, inadmisíbel e discriminatorio" que dende a Alcaldía "só se mire para un colectivo e se menosprece ao resto do persoal municipal". A este respecto, preguntouse como pensa motivar as traballadoras e traballadores para unha boa realización do seu cometido, "cando hai compañeiros e compañeiras que van ver baixar os seus ingresos", a causa da desaparición do complemento de produtividade.

Así as cousas, as centrais sindicais críticas coa RPT aseguraron que "con estas actuacións resulta evidente que a alcaldesa queda incapacitada para xestionar este Concello agora e no futuro" e  estudan continuar coas mobilizacións durante o vindeiro mes.

Volver