A CIG cualifica de irresponsábel prorrogar o estado de alarma sen parar todo e sen aprobar un paquete social xusto

A central sindical advirte de que as insuficientes medidas económicas adoptadas provocarán un empobrecemento aínda maior da clase traballadora
Nacional - 25 Mar 2020

A CIG considera que a decisión adoptada no Congreso dos Deputados e Deputadas de prorrogar o estado de alarma é irresponsábel. Neste sentido, o secretario xeral, Paulo Carril, reprocha ao goberno que siga “acumulando erros e adoptando tarde medidas que son imprescindíbeis para frear a pandemia”. Por iso insiste en que “se deben paralizar todas as actividades que non sexa esenciais para afrontar a situación de emerxencia sanitaria que padecemos”.

 

Neste contexto, manter as inxustas medidas laborais, económicas e socias do pasado 18 de marzo no Decreto 8/2020, así como non aprobar de inmediato un paquete social, dificultará a recuperación cando remate a emerxencia sanitaria e contibuirá a unha crise social.

O secretario xeral da CIG advirte da imperiosa necesidade de que se proporcionen ademais todas as medidas de protección precisas para as traballadoras e traballadores deses servizos esenciais, para os que demanda, en todo caso, controis tanto para evitar abusos por parte das empresas das que dependen “no relativo a xornadas e descansos”, como para comprobar que o persoal desenvolve o seu traballo sen correr risco algún para a súa saúde.

Por iso lamenta que se despregue á policía e o exército para labores de control social e non para garantir a paralización real de todas as actividades non esenciais e que estas se desenvolvan coas oportunas medidas de protección para evitar calquera risco de contaxio.

Risco de empobrecemento masivo da clase traballadora

O secretario xeral da CIG reprocha tamén o “caos” derivado das “insuficientes e inxustas” medidas económicas e denuncia o grave risco de que o confinamento “acabe provocando un aínda maior empobrecemento da clase traballadora, por mor da significativa redución de ingresos que van sufrir. Máis nun contexto no que, xa antes da crise sanitaria, viñamos denunciando a extensión da pobreza laboral”.

Neste sentido, critica que non se modifique o Decreto 8/2020 para que en todas as contratas dependentes das administracións públicas -municipais ou galegas- “se garanta o emprego e os salarios íntegros das traballadoras/es”, indica o secretario xeral.

Demanda ademais que se lle dea unha solución inmediata á situación das empregadas do fogar  xa que até o de agora non se adoptou ningunha medida nin preventiva nin laboral para este colectivo; que se garanta a concesión automática de todas as solicitudes de adaptación ou redución de xornada; que se axilice o cobro do desemprego; que se garanta que quen está a cobrar o desemprego non vexa consumida a súa prestación neste tempo e que os traballadores/as con contratos temporais ou de ETTs que foron despedidos/as, “accedan ás mesmas medidas que o resto dos traballadores”.

Lamenta que non se escoitara a demanda da central sindical que, en base ao artigo 37.3 do ET, facilita ás traballadoras e traballadores un persmiso retribuído ante o deber inescuxábel de quedar na casa ao coidado das persoas maiores e menores e de cumprimento do  confinamento ante a emerxencia sanitaria, evitando así o “erro de facer ERTES masivos e as consecuencias críticas e mesmo devastadoras que vai ter para a economía esta situación”. ERTES que a día de hoxe chegan xa, en Galiza, aos 17.763, atinxindo a máis de 95.500 traballadores e traballadoras.

Urxe un plan de choque social

Nesta situación, a caída dos ingresos nas familias e o retraso no cobro dos salarios e das prestacións por desemprego, obriga o Goberno a aprobar  de urxencia e dunha vez un paquete de medidas que axude ao pago dos alugueiros e que obrigue as entidades financeiras e as empresas eléctricas a condonar o pago desta mensualidade (hipotecas, recibos de auga, luz, gas, etc.), e durante o tempo que dure o estado de alarma.

Inexistencia dunha Europa social

A CIG lamenta tamén que o Estado español non tomara exemplo das medidas que se están adoptando noutros estado europeos e censura, en todo caso, o papel dunha Unión Europea que amosa a súa verdadeira faciana diante da actual situación de emerxencia. “Unha vez máis constátase a ausencia dunha Europa social que garanta medidas para abordar de forma coordinada a actual situación, preservando os dereitos e as necesidades das persoas, fronte os intereses económicos de especuladores e multinacionais”.

Unha UE na que “agora como nunca queda retratada a nula solidariedade existente entre os estados, que actúan baixo a máxima do ‘Sálvese quen poida’, e a súa incapacidade para ofrecer alternativas que vaian máis alá de augurar futuros recortes para recuperar a famosa senda do control do déficit que tan gravísimas consecuencias ten para os servizos públicos e para o conxunto da clase traballadora”

A Xunta eludindo exercer as súas competencias

O secretario xeral da CIG lamenta tamén que o goberno da Xunta, en vez de reclamar e exercer as súas competencias fronte a centralización imposta coa declaración do estado de alarma, asuma, como sempre, un papel subsidiario. Unha centralización que para Carril é ademais “un fracaso” do momento no que nin sequera foi quen de articular a compra de equipos de protección e material sanitario necesario que agora cada quen ten que se buscar pola súa conta.

Por iso demanda que, dunha vez por todas, o Presidente da Xunta  asuma as súas funcións e realmente as exerza.