A CIG cumpre 25 anos como primeira forza sindical

A central conmemorou o seu aniversario cunha asemblea de delegados e delegadas

Nacional -

A CIG celebrou o seu 25 aniversario cunha asemblea nacional de delegadas e delegados o pasado día 3 de decembro que estivo presidida pola actual Executiva e os membros do primeiro Secretariado. Un acto no que se conmemorou, como apuntou o secretario xeral, Paulo Carril, un proceso histórico nacido das loitas de Ferrol e Vigo do ano 1972 que levou a central sindical a ser hoxe a primeira en representación, afiliación e capacidade de mobilización.

No acto interviñeron Manuel Mera, que foi secretario confederal primeiro e presidente da CIG despois –entre os anos 1987 e 2001; Suso Seixo, que foi secretario xeral desde 2001 até 2017; e o actual secretario xeral, Paulo Carril. Non puido acudir por causas de saúde Fernando Acuña, secretario xeral desde 1994 até 2001.

Para Carril, foi precisamente ese proceso histórico o que fixo que a CIG sexa hoxe “expresión da vontade firme da clase traballadora galega de construír ferramentas desde a nosa autoorganización, como clase e como pobo galego, como a única vía para rematar con este sistema de explotación de clase, agravada ante a dependencia colonial á que está sometida a nosa nación polo Estado español”.

A CIG debe ser un instrumento útil e de contrapoder real fronte á explotación e na defensa dos intereses da clase traballadora"

Reafirmou que a emancipación da clase traballadora galega “é inseparábel da conquista da soberanía nacional de Galiza, porque non podemos ser homes e mulleres libres nunha nación asoballada” e incidiu no inxente labor colectivo que, ao longo deste 25 anos, permitiu construír unha central sindical “de forte unidade de clase, que se labra loita a loita, nos centros de traballo, nas fábricas, por medio da mobilización obreira e da mobilización popular, na defensa dos nosos intereses de clase”.

Un percorrido e unha práctica que, tal e como afirmou, fai que a CIG sexa hoxe a primeira forza sindical en Galiza, “obxectivo imparábel que nos chama a actuar de acordo aos mesmos principios e á mesma acción sindical, que nos ten levado a termos este resultado”.

Primeira forza sindical

Con todo, malia ter conseguido situar á CIG como primeira forza sindical, o secretario xeral advertiu de que esa maioría “non se gaña dunha vez para sempre” e subliñou que será unha maioría “fráxil” en relación co poder do capital “canto máis tardemos en consolidar este avance no plano organizativo e ideolóxico, no labor de convencer a máis sectores da clase traballadora facendo valer o noso modelo sindical”.

Por iso apuntou, como reto colectivo, “consolidar e ampliar a maioría sindical, tendo en conta que o poder económico vai recruar a súa ofensiva para que non sigamos a avanzar e que as alternativas que defendemos non saian adiante” e explicou que non se trata só de ser un sindicato con grande número de afiliación e de representación, senón “un instrumento útil e de contrapoder real fronte á explotación e na defensa dos intereses da clase traballadora”.

Piares fundamentais

Ademais, sinalou como piares fundamentais o asemblearismo, a participación, a combatividade e a construción de organización para avanzar nas conquistas de dereitos e na transformación da realidade co obxectivo de acumular máis forzas para avanzar na construción de poder sindical porque “onde hai sindicato hai melloras reais nas condicións laborais e de vida”.

Volver