A CIG das Rías denuncia o aumento da precariedade laboral no transporte de viaxeiros/as coa nova concesionaria

A central realizou unha protesta en Ribeira contra o deterioro do servizo

Ribeira -

A CIG das Rías realizou un acto de protesta na tarde do martes en Ribeira para rexeitar a precarización laboral do persoal que fai o transporte de viaxeiros/as por estrada e o deterioro do servizo de autobuses no Barbanza, tras da remodelación das liñas e a entrada en xaneiro deste ano da nova adxudicataria, a denominada UTE-XG847.

Esta Unión Temporal de Empresas é un complexo entramado do que forman parte algunhas coñecidas compañías locais (Ferrín, Sarasquete, Muíños e Outeiral) e outras pertencentes ao Grupo Monbús (Empresa Monforte, Castromil, Eleuterio López, Rías Altas, Auto Industrial, Hispano Igualadina), sendo Monbús quen controla boa parte das liñas.

Se ben a precariedade a explotación laboral xa eran habituais para os traballadores e as traballadoras das empresas locais que antes tiñan a concesión, desde o comezo do novo servizo, os problemas laborais foron aumentando de maneira progresiva: cambios de xornada, cambios de ruta, de horarios etc. En definitiva, denuncia a Unión Local da CIG, "unha precariedade que mesmo se manifesta de xeito habitual na falta de material tal como o papel dos billetes, que incluso teñen que mercar os condutores/as, ou nos horarios practicamente sen dar tempo para xantar, ademais doutros incumprimentos do convenio colectivo".

Todo isto leva a unha situación que se reflicte na calidade do servizo, sendo habituais os atrasos, co evidente enfado por parte dos usuarios e das usuarias. "A pesar dete deterioro, o persoal fai o indicíbel para que as persoas usuarias se vexan o menos afectadas posíbel", salientan.

A CIG das Rías critica a propaganda da Xunta de Galiza e das empresas "que nos quixeron vender no seu día que melloraran as conexións con Santiago, e que o novo servizo ía mellorar, cando a realidade é todo o contrario".

As empresas incumpren e a Xunta mira para outro lado

Coa protesta desenvolvida este martes, a central nacionalista quere chamar a atención publicamente sobre estes feitos, "xa que os directivos das empresas ignoran as reclamacións, obrigando o persoal a ter que acudir aos xulgados continuamente reclamar que se respecten os seus dereitos".

Neste senso, a CIG acusa a Xunta de eludir as súas responsabilidades ao non esixir o cumprimento da normativa laboral e que se preste o servizo con calidade "e mirar para outro lado mentres as empresas se enriquecen co diñeiro de todos e todas as galegas".

Volver