• Nova

A CIG de Cee reivindica o dereito das traballadoras/es do comercio a descansar os domingos e festivos

A central rexeita a intención das grandes superficies de abrir as súas portas o 14 de agosto
Vigo - 10 Ago 2016
A CIG de Cee, a través do secretario local e do responsábel do sector do comercio na executiva do sindicato, vén de rexistrar un escrito no Concello no que se solicita o respecto ao descanso en domingos e festivos das traballadoras/es do comercio que contempla a lexislación. Dende a central rexeitan a intención de varias grandes superficies de abrir ao público o domingo 14 de agosto, coincidindo coas festas da localidade.

Dende a Unión Local da CIG de Cee teñen coñecemento (xa que figura nalgúns calendarios laborais) da intención de abrir ao público o 14 de agosto as superficies comerciais ou tendas pertencentes a empresas ou grupos de distribución como Carrefour Market, Gadis, Eroski, Cash Record, Kiddy's Class, Froiz, Hiper Asia e Maxi Dia, xornada que segundo a lexislación vixente non poderían abrir as portas.

Ese día non haberá a tradicional feira en Cee por mor da celebración das festas da Xunqueira e, polo tanto, (no caso de apertura) estarían a incumprir a lexislación sobre horarios comerciais e a Orde que regula a apertura en domingos e festivos para 2016.

Dende a central sindical reafírmanse no dereito que teñen as traballadoras/es do comercio do concello de Cee a participar e gozar das festas da súa vila e a poder conciliar a vida familiar e laboral á que tamén fai referencia a devandita Lei.

Por iso instan o Concello de Cee a facer cumprir a lexislación vixente en materia de horarios de apertura de grandes superficies ou cadenas comerciais.