A CIG de Ferrol chama a intensificar a mobilización xa que "nos estamos xogando a supervivencia da comarca"

Delegados/as da central mobilizáronse no marco da campaña por unha saída galega xusta da crise

Ferrol -

Delegadas e delegados da CIG de Ferrol participaron este venres nunha acción reivindicativa para visibilizar a grave emerxencia social e laboral que sofre a comarca e a necesidade de adoptar medidas urxentes para dotala de futuro. A protesta, que se enmarca nas mobilizacións que a CIG está a desenvolver dentro da campaña nacional por unha saída galega xusta da crise, consistiu nunha cadea humana dende a oficina do servizo de emprego de Esteiro até o edificio da Xunta de Galiza. A seguir, a mobilización trasladouse até a o centro da Praza de España onde se realizou unha concentración-asemblea.

Durante a acción, as delegadas e delegados da CIG portaron carteis alusivos ás principais problemas de Ferrol,Eume e Ortegal: falta de carga de traballo no naval, imposición dunha transición enerxética totalmente inxusta, deterioro da ría, ausencia de proxectos industriais alternativos e de orzamentos destinados á comarca nos orzamentos do Estado e da Xunta, déficit nas infraestruturas e comunicacións, recortes nos servizos públicos etc.

O secretario da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, explicou que "con esta mobilización queremos denunciar a situación que padece Ferrolterra cunha perda continuada de postos de traballo, peche de industrias e perda de poboación sen que exista ningún tipo de alternativa". Engadiu que esta acción tamén se convocou aproveitando o debate dos Orzamentos Xerais do Estado e da Xunta, "para lograr que se reverta o abandono da nosa comarca. Porque se antes xa estabamos na sala de emerxencias agora estamos na UCI, estámonos xogando a supervivencia desta comarca".

Por iso, Grandal reiterou o chamamento á intensificar a mobilización social e a reclamar nas rúas medidas inmediatas par reverter esta situación e animou as delegadas e delegados a transmitir nos seus centros de traballo as propostas da CIG para unha saída da crise que non faga recaer os custes sobre a clase traballadora e a "facer pedagoxía fronte á resignación e ao discurso que o poder nos quere inculcar de que non hai outra alternativa posíbel".

Concentrar os recursos públicos para unha recuperación xusta

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, destacou que "Ferrol é a zona cero" da crise industrias e social que xa vivíamos en Galiza e que a pandemia da Covid-19 multiplicou nas súas consecuencias. "Isto fai que sexa máis necesario que nunca concentrar todos os recursos públicos para poñer en marcha unha recuperación económica que sexa galega e xusta e que dea unha solución aos efectos devastadores que no conxunto do país está a provocar a emerxencia sanitaria, pero  tamén da crise industrial previa e o impacto de fenómenos como a transición enerxética ou os procesos de dixitalización da economía".

Carril urxiu os Gobernos español e galego a actuar porque "non poden seguir facendo oídos xordos a unha realidade que temos en Galiza que esixe un cambio radical de políticas para centrar esforzos en salvar a industria, as persoas e o futuro do noso país e non en acadar grandes cifras macroeconómicas que non se traducen nunha alternativa de emprego, de futuro e de loita contra a precariedade".

Campaña nacional da CIG

A mobilización deste venres fai parte da campaña que a CIG ten en marcha para reivindicar unha saída xusta galega fronte á crise e no marco da que se elaborou un amplísimo documento de propostas para a recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra, con medidas de carácter transversal e sectorial nas que os poderes públicos teñen que xogar un papel fundamental e a través das que se insta a facer unha forte aposta en favor das forzas sociais galegas para o desenvolvemento deste proceso.

Volver