A CIG de Ourense chama a unha reacción social ante a crítica situación sociolaboral da provincia

A perda de poboación e o avellentamento caracterizan unha sociedade na que o 35% das persoas asalariadas non chega ao SMI e 18.000 ingresan menos de 3000 euros ao ano
- 22 Abr 2024

A CIG de Ourense presentou hoxe un informe sobre a situación sociolaboral da provincia que reflicte un panorama dramático, tal e como sinalou o secretario comarcal, Anxo Pérez Carballo, que chamou a unha reacción social fronte a uns datos que amosan unha constante perda de poboación e un contexto laboral no que o 35% das persoas asalariadas non chega ao SMI e no que 18.000 persoas ingresan menos de 3000 euros ao ano.

Pérez Carballo compareceu en rolda de prensa xunto á economista do Gabinete Técnico Confederal da CIG, Natividad López Gromaz, que foi a encargada de elaborar o informe. “Vai chegar un momento en que imos ter os mellores datos do paro, porque non vai haber ninguén a quen darlle traballo”, ironizou o máximo responsábel da CIG-Ourense á hora de presentar as cifras que o avellentamento da poboación e unha constante perda de habitantes. “Xa non temos pirámide poboacional, o que hai é unha buxaina; arrepía comprobar que o número de maiores de 90 anos triplica o de menores de 4”, sinalou.

Ao mesmo tempo, criticou a “falacia” da creación de emprego fixo que a propaganda gobernamental lle atribúe á última reforma laboral e denunciou que “ao final os cartos que a xente leva para casa son os que son: que o 35% das persoas asalariadas percibe menos do SMI é un cancro económico, pero que máis de 18.000 persoas ingresen menos de 3000 euros é un auténtico drama”.

Por iso considera que a provincia está a dar un berro de alarma e que é imprescindíbel unha reacción social. “Se estes datos non levantan a alerta entre os axentes económicos e sociais non sei que o pode facer”. Con todo, reiterou o compromiso da CIG coa defensa das condicións laborais e de vida da clase traballadora ourensá e adiantou que a central sindical trasladará esta “radiografía sostida” a todos os foros nos que participe e promoverá mobilizacións para esixir unha resposta a esta situación.

Principais datos

Pola súa banda, López Gromaz debullou os principais datos do informe, que amosan que na última década a provincia perdeu 8% dos seus habitantes, cando no conxunto do país foi do 3,2%. “E isto nun período cun saldo migratorio positivo (dende 2016): o 12% da poboación ourensá naceu no estranxeiro”. Unha chegada de poboación inmigrante que non é quen de paliar a perda de poboación e o seu avellentamento, o que ten impacto nas pensións, que na provincia son as máis baixas do Estado (888 euros de media). 

A provincia ten a media de idade máis alta e as pensións máis baixas do Estado

A persoas maiores de 65 anos son case o 32%, e as de menos de 20 anos o 13%. Xa hai máis persoas que superan os 90 anos que as que teñen menos de 4 anos. Canda Lugo e Zamora, Ourense é a provincia con idade máis elevada do Estado (51,2 anos de media). É o número de defuncións no último ano multiplicou por catro o de nacementos. Isto ten unha incidencia directa no mercado de traballo, “e de seguir así vaise acabar co paro pola caída da poboación, até o punto de que xa hau máis poboación inactiva que activa.

En canto á afiliación á Seguridade Social na provincia, o informe recolle os datos de decembro de 2021 e os de decembro de 2023 para medir o impacto da última reforma laboral. Neste período o incremento da afiliación foi do 2,3%, algo que sucedeu tamén no conxunto do Estado. E aumentan os contratos indefinidos e baixan os temporais. “Pero cando se analiza o tipo de xornada vemos como os fixos descontinuos medran un 95,6% en dous anos, os indefinidos a tempo parcial un 40% e os indefinidos a xornada completa 19,9%”. Medra pois a contratación indefinida, pero con xornadas parciais e contratos fixos descontinuos.

Por sexos, pódese comprobar como as fendas de xénero se agudizan. O 66% das mulleres teñen contrato indefinido, fronte ao 77,9% dos homes. “Hai 14 puntos de diferencia, cando hai dous anos eran 9”. O 33,5% das mulleres teñen un contrato temporal, cando no caso dos homes é do 22% (a diferencia pasou de 9,6 a 11,4 puntos). Só o 45% das mulleres teñen un contrato indefinido a tempo completo, cando nos homes chega ao 69%. A mulleres teñen un 18% de contratos a tempo completo, mentres que o 62% dos fixos descontinuos foron subscritos tamén por mulleres.

Ingresos salariais

Os datos da Axencia Tributaria amosan que os ingresos da clase traballadora aumentaron un 4,9% na provincia, mentres que o IPC medrou un 5,7%, o que supón unha perda de poder adquisitivo de 8 décimas, cando no conxunto do país non se produciu esta perda (os salarios medraron un 5,8%).

Onde máis aumentan os ingresos é na poboación con mellores salarios: 83 persoas na provincia que superan 10 veces o SMI (ingresan máis de 235.000 euros ao ano de media). Os seus ingresos incrementáronse un 5,6%. Mentres que as de menos ingresos, unhas 18.000 persoas, aumentaron os seus salarios unicamente un 2,7% (con ingresos brutos ao ano que non chegan a 3000 euros). Mentres que o 35% da poboación asalariada ten ingresos inferiores ao SMI.

A fenda salarial de xénero na provincia é dun 11,9%, mentres co no conxunto de Galiza é do 18,7%. “Seguramente sexa polo menor dinamismo económico da provincia e polo enorme peso do funcionariado en profesións ligadas aos servizos sociais”.