A CIG de Ourense denuncia o alarmante aumento da precariedade laboral na provincia durante o ano 2015

Máis de 14.000 contratos subscritos neste período tiveron menos dunha semana de duración
Vigo - 18 Xan 2016
A evolución da contratación na provincia de Ourense ao longo de 2015 pon de manifesto un alarmante aumento da precariedade, con máis contratos temporais e de duración inferior que en anos anteriores. De feito, máis de 14.000 contratos subscritos neste período tiveron menos dunha semana de duración, segundo denuncian dende a Unión Comarcal da CIG.

Dende a central nacionalista sinalan que dos 67.059 contratos formalizados neste período, unicamente 4078 (o 6,35%) corresponden a algunha das modalidades de contrato indefinido “e moitos deles son a tempo parcial, a modalidade que están a potenciar o Goberno e a patronal e que constitúe unha bolsa de fraude”.

A duración dos 64.197 contratos temporais rexistrados amosa que a súa duración é cada vez menor:

-14.681 tiveron unha duración de menos dunha semana.

-7082 dunha semana a un mes.

-14.059 dun a seis meses.

-3141 de seis meses a un ano.

-246 de máis dun ano.

-24.380 de duración indeterminada, entre os que figuran os contratos de obra ou servizo, por circunstancias de produción, interinidade, etc. Todos eles de corta duración.

Dende a CIG-Ourense sosteñen que estas demoledoras cifras constatan o empobrecemento da clase traballadora e a inestabilidade no emprego “e son as nefastas consecuencias das últimas reformas laborais que provocan unha multiplicación da precariedade con elevada temporalidade e rotación de emprego e con masivos contratos de horas e días”.

Así, denuncian que a propaganda que se fai dende o Goberno pretende amosar unha imaxe de recuperación e saída da crise que está lonxe da realidade laboral e non se percibe pola clase traballadora. “Ademais de non crear emprego, este aumento da precariedade está a provocar o despedimento de traballadores/as fixos/as, co abaratamento da indemnización, e un aumento da explotación con salarios inferiores, máis xornada e peores condicións de traballo”.